O socialista Iván Puentes celebra «con grande orgullo» que o Goberno Local decidise finalmente «asumir e executar o proxecto de restauración ambiental do Gafos impulsado polo PSOE»: «Amosa o acerto da estratexia Pontevedra Flúe»
- En opinión do líder do PSOE, «Pontevedra Flúe está máis viva que nunca e seguiremos utilizando toda a nosa forza para sacar adiante cada un dos proxectos contemplados neste ambicioso plan de reforma urbana e loita contra o cambio climático»
- Tal e como lembra, os socialistas tamén lograron que os Orzamentos de 2025 que se aprobarán este luns inclúan unha partida para redactar o proxecto de renaturalización do Gafos entre Rosalía de Castro e As Corbaceiras e outra para acometer a do treito do Lérez que discorre entre a Ponte dos Tirantes e a autoestrada»
Pontevedra, 22 de marzo de 2025.- A presentación do proxecto que permitirá acometer a restauración ambiental do treito urbano do río dos Gafos foi recibida por Iván Puentes «cunha sensación de grande orgullo». O portavoz municipal do PSOE celebra que «por fin, tras dous anos de mandato, o Goberno Local decidise asumir e executar a proposta presentada polo Partido Socialista en 2020 (cando estaba á fronte da Concellería de Desenvolvemento Sostible)», amosando «o acerto da estratexia de renaturalización e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe, un plan que trazamos para captar fondos europeos para a nosa cidade e que definía os novos horizontes dun modelo urbano que debe evolucionar cara ao verde (espazos naturais) e ao azul (recuperación de leitos fluviais)».
Tal e como lembra, á marxe da elaboración do proxecto, o PSOE fixo «o máis importante» para unha actuación desta envergadura, que foi «acadar os cartos necesarios para poder executar a intervención: unha achega de 2,3 millóns de euros de fondos europeos». «Agardemos que o atraso acumulado no inicio dos traballos non supoña a perda deses cartos. Estaremos vixiantes e colaboraremos activamente para que non sexa así», avanza.
Segundo apunta, «o noso plan estratéxico pretendía continuar a reforma urbana, renaturalizando as ribeiras e incorporando os ríos e espazos naturais á cidade», polo que outro dos pasos será o de rematar a restauración ambiental do Gafos entre a avenida de Vigo e a súa desembocadura na ría de Pontevedra. Neste sentido, as negociacións realizadas polos socialistas para os Orzamentos de 2025 que se aprobarán este luns fixeron posible a incorporación dunha partida para a redacción do proxecto entre Rosalía de Castro e As Corbaceiras, que dará continuidade ao tramo da Tablada (feito polo PSOE no anterior mandato) e a este de Campolongo.
«Agora tócalle tamén ao río Lérez, cuxa renaturalización entre a Ponte dos Tirantes e a autoestrada está incluída nas contas de 2025, ao Rons e ao antigo campo de fútbol de Ponte Sampaio, un proxecto no que xa está a traballar o Goberno de España -explica- baseándose nos estudos da estratexia Pontevedra Flúe».
En opinión de Iván Puentes, «Pontevedra Flúe está máis viva que nunca e seguiremos utilizando toda a nosa forza para sacar adiante cada un dos proxectos contemplados neste ambicioso plan de reforma urbana e de loita contra o cambio climático». «O tempo -engade- puxo de manifesto os acertos dos proxectos socialistas e hoxe podemos celebrar que se faga realidade un dos máis ambiciosos, o destape e recuperación do Gafos, un río que leva soterrado desde os anos 60, ao seu paso polo barrio de Campolongo».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS