Os socialistas poñen o foco nunha das débedas do modelo Pontevedra coa mobilidade sostible e accesible: queren fomentar o uso da bicicleta coa implantación dun servizo público de préstamo de bicis con pedaleo asistido
- A moción impulsada polo portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, insta ao Goberno Local a acollerse ás axudas do Ministerio para poñer en marcha este servizo e integralo no sistema de billete único do transporte metropolitano, de xeito que o alugueiro sexa compatible co tícket de tren e autobús
- A proposta tamén lle solicita ao Concello a realización dunha campaña de información pública que permita á cidadanía coñecer e acollerse ás axudas para a adquisición de ciclos de pedaleo asistido, así como o desenvolvemento progresivo da infraestrutura necesaria para promover a mobilidade ciclista (incluíndo estacións de mantemento e lavado, aparcabicis seguros e carrís bici alí onde sexa preciso)
Pontevedra, 12 de febreiro de 2025.- Os socialistas pretenden abordar no vindeiro Pleno da Corporación un debate que pon o foco nunha das grandes débedas que o modelo Pontevedra mantén a día de hoxe coa mobilidade sostible e accesible. Nunha moción asinada polo seu portavoz, Iván Puentes, o Grupo Municipal do PSOE propón unha serie de medidas para fomentar de xeito decidido o uso da bicicleta, entre elas a implantación dun servizo público de préstamo de bicis con pedaleo asistido e a realización dunha campaña de información cidadá sobre as axudas destinadas á adquisición deste tipo de vehículos.
A iniciativa, presentada esta mañá polo propio Puentes nunha comparecencia que tivo lugar na Sala de Prensa do Concello, insta ao Goberno Local a acollerse, no momento en que sexan convocadas, ás subvencións do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para poñer en marcha este servizo de préstamo, así como a integralo no sistema de billete único do transporte metropolitano, de xeito que o alugueiro resulte compatible co billete de tren e autobús. Asemade, os socialistas tamén lle solicitan ao Concello, en paralelo, o progresivo desenvolvemento da infraestrutura necesaria para promover a mobilidade ciclista, incluíndo estacións de mantemento e lavado, aparcabicis, carrís bici alí onde sexa preciso…
Segundo lembrou o líder do PSOE pontevedrés, o Consello de Ministros deu luz verde o pasado 28 de xaneiro ao Real Decreto-Lei 1/2025, polo que se aproban medidas urxentes en materia económica, de transporte, de Seguridade Social, e para facer fronte a situacións de vulnerabilidade, «que previsiblemente será convalidado por tódolos grupos do Congreso dos Deputados, salvo por suposto o da ultradereita». Un texto normativo que, como apuntou, contempla un feixe de medidas de protección social e extensión de dereitos para o conxunto da cidadanía, en especial para os colectivos máis vulnerables, xunto cunha batería de iniciativas orientadas á loita contra o cambio climático, «favorecendo a transición cara a unha mobilidade sostible, sobre todo nos ámbitos urbanos». «Dentro destas últimas, o Capítulo V (art. 29-33) establece unha liña de axudas a persoas físicas e xurídicas para a adquisición de ciclos de pedaleo asistido -explicou-, mentres que o Capítulo VI, sección 2a (art. 47 a 54) aproba outras subvencións destinadas a que os concellos implanten e amplíen os servizos públicos de préstamo de bicicletas, cubrindo como mínimo o 40% do custe do mesmo».
A moción impulsada por Iván Puentes solicita que, á hora de deseñar e poñer en marcha ese servizo de préstamo, así como a nova infraestrutura ciclista, se escoiten e recollan as propostas dos colectivos que traballan en defensa da bicicleta na nosa cidade. Ademais, pídelle ao Goberno Local que desenvolva unha campaña de información pública que permita aos nosos veciños e veciñas coñecer e acollerse ás axudas recollidas no Real Decreto-Lei 1/2025 para a adquisición de ciclos de pedaleo asistido.
Un servizo que non repita os erros do PillaBici: «Estamos no momento idóneo para darlle un pulo definitivo ao uso da bicicleta en Pontevedra»
Tal e como sinalou o portavoz do PSOE, Pontevedra xa contou entre 2009 e 2011 cun proxecto piloto de préstamo municipal de bicicletas, que chegou a sumar uns 14.000 usuarios/as ao semestre «e que finalmente foi suprimido pola caída da demanda». O propio concelleiro responsable do servizo en 2011 (o nacionalista Luis Bará) admitiu que o PillaBici adoecía esencialmente de catro defectos que hipotecaron en boa medida o seu funcionamento: un número escaso de estacións (5) moi alonxadas entre elas; un deficiente servizo de reposición nesas bases; o uso de bicicletas moi simples e pesadas e, tamén, o préstamo gratuíto das mesmas (que dificultou a súa sostibilidade).
«Por outra banda -sostén Iván Puentes-, nos case 15 anos que transcorreron desde a supresión do PillaBici, os hábitos de mobilidade da cidadanía teñen mudado de xeito espectacular, trasladándose por milleiros cara ao transporte público. A estación de ferrocarril de Pontevedra, por exemplo, incrementou nun 90% o número de usuarios/as na última década, acadando xa en 2024 os 1,7 millóns de viaxeiros/as anuais, algo similar ao que aconteceu co autobús, que só nas dúas liñas urbanas que dependen do Concello suma uns 60.000 usuarios/as ao mes, aos que se deben sumar os 130.000 viaxeiros mensuais das liñas metropolitanas. A todo isto hai que engadir a maior conciencia ambiental da maioría da poboación e a inminente implantación do servizo de Cercanías en Galicia, que multiplicará de xeito exponencial o uso do tren na nosa cidade».

Na súa opinión, «estamos ante o momento idóneo para darlle un pulo definitivo ao uso da bicicleta en Pontevedra», ao converxer o modelo urbano con preferencia peonil, a tendencia crecente a usar o transporte público e a identificación de eivas pasadas «coa decidida aposta da UE e o Goberno de España pola mobilidade ciclista e a súa integración cos diferentes sistemas de transporte público, como medida efectiva para avanzar na mobilidade sostible en contornos urbanos, tanto nos desprazamentos internos de residentes como para as conexións diarias de traballadores coas estacións de tren e bus». Ao seu xeito de entender, para acadalo «é preciso o apoio e o papel activo das administracións, tanto á hora de xerar conciencia cidadá como de achegar recursos que faciliten a mobilidade ciclista, basicamente de dous tipos: posta a disposición de bicicletas mediante sistemas públicos de préstamo e expansión dunha infraestrutura ciclista acorde ás necesidades da cidade».
Neste senso, o Barómetro da Bicicleta (ao que se fai referencia no Real Decreto-Lei 1/2025), asegura que «facilitar o acceso ás bicicletas de pedaleo asistido e estender os sistemas de bicicleta pública son das medidas máis efectivas para fomentar o uso da bicicleta […] e, moi especialmente, facer do seu uso unha opción accesible para aqueles que ata o de agora non a utilizan na súa mobilidade cotiá”.
As axudas, tamén para persoas xurídicas: búscase incentivar o reparto de paquetería mediante cargo-bikes
Iván Puentes fixo fincapé na importancia de que o Goberno Local realice campañas de información pública sobre as axudas para a adquisición de bicis eléctricas «por parte tanto de persoas físicas como de persoas xurídicas». «Para nós, isto ten unha relevancia fundamental -indicou-, xa que haberá xente que empregue o sistema público de alugueiro e outra xente que queira ter a súa propia bicicleta e, neste caso, o Goberno de España vai financiar a adquisición de bicis eléctricas, por parte de persoas físicas, pero tamén de persoas xurídicas, algo que está especialmente pensado para empresas de reparto de paquetería. Nestes momentos, en cidades como Pontevedra, amplamente peonalizadas, empréganse furgonetas, habitualmente a gasoil, para facer os repartos. O Real Decreto contempla o financiamento de cargo-bikes para poder realizar eses repartos en cascos históricos e centros das cidades».
O portavoz do PSOE puxo como exemplo de bo funcionamento deste servizo de alugueiro o da cidade da Coruña, unha «moito menos favorable que Pontevedra para o uso da bicicleta en canto a factores como o volume de tráfico ou a extensión», que apostou xa hai uns anos polo BiciCoruña e que instalou ata 49 estacións repartidas polo centro urbano, poñendo a disposición da veciñanza 393 bicis (unha boa parte delas eléctricas). Segundo apuntou Puentes, o servizo sumou ao longo do ano pasado uns 14.000 usuarios, 1,3 millóns de usos, case 4 millóns de quilómetros percorridos e 700 toneladas de emisión de CO2 á atmosfera reducidas.
«Se o billete integrado de transporte é posible en Madrid, Barcelona, Sevilla ou Cádiz, non lle vexo a dificultade de que o haxa en Pontevedra… Xa está funcionando de facto»
A moción dos socialistas foi aprobada na última Comisión de Mobilidade grazas á abstención de BNG e PP. Entre outros ‘peros’ que os nacionalistas lle poñen á proposta, o concelleiro César Mosquera argumenta a dificultade de poñer de acordo a diferentes administracións. Iván Puentes agarda que ámbolos partidos lle dean o seu apoio no Pleno do vindeiro luns, posto que «se en Madrid, Barcelona, Sevilla, Cádiz, e en practicamente calquera cidade, cunhas complexidades máis grandes que as de Pontevedra, é posible que haxa billetes integrados de transporte, eu non lle vexo a dificultade de que o haxa en Pontevedra».
«É máis -matizou-, en Pontevedra xa está funcionando de facto, porque nos transportes que dependen do Concello, que son as dúas liñas que suben ao Hospital e a Monte Porreiro e que pasan polo Campus e a Praza de Galicia, trátase de liñas municipais, pero que se poden utilizar co billete de transporte da Xunta de Galicia. Se un vén de Sanxenxo coa tarxeta de transporte metropolitano da Xunta, pode coller o bus urbano que depende do Concello en Pontevedra sen ningún problema. Falamos de integrar dúas pezas máis: a bicicleta, como se fai noutros sitios, e a bicicleta, que nun sistema de Cercanías intégrase por defecto. Máis aló de falar e dialogar, non lle vexo máis dificultade».
Tres zonas de mobilidade ciclista na cidade: da convivencia ao dobre sentido e os carrís bici para casos concretos
A diferencia do Goberno Local, o PSOE aposta pola creación de tres zonas de mobilidade ciclista na cidade. Nas zonas de plataforma única, conformadas basicamente polo casco histórico e o primeiro anel da cidade, con rúa Michelena e Praza de España, o carril bici carece de sentido e o que debe rexer é a convivencia de tráficos, con prioridade para os peóns, logo as bicis e os vehículos de mobilidade persoal e, finalmente, os coches.
Tal e como explicou Iván Puentes, nun segundo cinturón integrado por rúas como Benito Corbal ou Loureiro Crespo, onde atopamos un único carril de circulación nunha única dirección, «nós aí defendemos que as bicis deben circular pola calzada, exactamente igual que os coches, pero introducindo un matiz que resulta fácil de comprender: se eu teño a cidade organizada en tea de araña, de xeito que nunca poida chegar de punto a punto en liña recta e me leve máis tempo chegar en coche que chegar a pé (desincentivando así o uso do coche), se eu obrigo ás bicis a realizar os mesmos traxectos e direccións que os vehículos a motor, en certo modo estou a desincentivar o uso da bici». Polo tanto, proseguiu, «o que sostemos é que nesas rúas, a diferencia dos coches, as bicis vaian pola calzada, pero poidan facelo en dobre sentido, o que acontece en Barcelona, París, Amsterdam e outras cidades con tráfico máis complexo que o de Pontevedra sen ningún tipo de problema».
Xa nun terceiro anel, que discorre pola avenida de Bos Aires e as rúas de conexión co Campus Universitario, con vías que xa dispoñen de calzadas con dobre sentido e máis dun carril por sentido, o PSOE defende directamente a creación de carrís bici construídos sobre a calzada, zonas verdes e outros ámbitos destinados a peonalización. Para Puentes, existe ademais «un caso moi concreto, que é o de José Malvar, cunha pendente que calquera persoa que ande en bici sabe que non pode subir a unha velocidade que implique unha mínima seguridade, máis aínda se por exemplo vai cun neno nunha cadeira detrás e con coches que lle van atizando para que acelere». «Neste caso, o carril bici estaría xustificado», asegurou.

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS