O PSOE volve á carga para que se escoite a histórica demanda dos veciños de Cerponzóns de mellorar o estado e a seguridade vial no antigo treito da N-550 que descorre por Tilve
- A proposición que os socialistas trasladarán ao Pleno, presentada esta mañá nunha comparecencia co secretario da Asociación O Chedeiro e aprobada por unanimidade na Comisión de Mobilidade, insta ao Goberno Local a solicitar a cesión deste treito de estrada, así como a incluír a Ponte Malvar no Catálogo de Bens a protexer do Concello e a poñer en valor o tramo de Camiño Real Transversal de Santiago a Pontevedra (século XVIII) que descorría sobre este mesmo tramo
- Iván Puentes lamenta que a cuestión non fora abordada na recente xuntanza que o alcalde e o concelleiro César Mosquera mantiveron co secretario de Estado de Transportes e denuncia que «nestes momentos, os veciños e veciñas, incluídos os máis pequenos que se dirixen á parada do bus, seguen a enfrontarse diariamente a situacións de perigo pola falta de beirarrúas e de canalización de augas pluviais, ao mal estado do firme, á elevadísima velocidade dos vehículos que usan esta vía como atallo ou á presenza de camións mal estacionados que obstrúen o paso»
- Juan José Esperón sinala que, aínda que a cesión ao Concello é o obxectivo último, mentres esta non se materializa, «pedimos que cando menos as administracións se poñan de acordo sobre as medidas máis urxentes que se precisan: uns lombos para calmar a velocidade do tráfico rodado e unha beirarrúa pola que poida pasar tranquilamente un veciño que, por exemplo, se desprace en cadeira de rodas ou leve un carriño de bebés (agora mesmo deben facelo pola estrada)»
Pontevedra, 4 de febreiro de 2025.- Nun novo asalto para lograr que por fin se escoiten as históricas reivindicacións dos veciños e veciñas de Cerponzóns, o Grupo Municipal do PSOE trasladará ao vindeiro Pleno a demanda veciñal de que se mellore o estado e se garanta a seguridade peonil (en especial no acceso dos nenos e nenas ao transporte escolar) no antigo treito da N-550 ao seu paso polo lugar de Tilve. Ademais de instar ao Ministerio de Transportes a executar unha serie de actuacións en materia de conservación e seguridade viria, a moción dos socialistas, aprobada esta mesma mañá por unanimidade na Comisión de Mobilidade, tamén urxe ao Goberno Local a solicitar formalmente a cesión deste tramo de estrada nacional, así como a incluír a Ponte Malvar (vestixio da rede primaria de estradas do século XVIII de grande relevancia histórica e artística) no Catálogo de Bens a protexer do Concello de Pontevedra e a recuperar e poñer en valor o vello treito do Camiño Real Transversal de Santiago a Pontevedra (S. XVIII) que descorría sobre este mesmo tramo.
O contido desta proposición deuse a coñecer nunha comparecencia na que o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e o concelleiro Marcos Rey, estiveron acompañados por Juan José Esperón, secretario da Asociación Veciñal O Chedeiro de Cerponzóns, colectivo co que se concretaron as peticións contempladas na iniciativa. Entre as actuacións que se lle solicitan ao Ministerio de Transportes e que teñen o obxectivo de garantir a seguridade peonil no vello trazado da N-550 en Tilve (uns 300 metros á altura do punto quilométrico 114) inclúense obras de asfaltado e canalización de augas pluviais; a prohibición, mediante sinalización, do paso de tráfico pesado (agás servizos) e do estacionamento indebido de camión (que dificulta a circulación peonil e interfire coas paradas dos autobuses escolares e de transporte público) polo citado treito.
Tal e como lembrou Iván Puentes, «este vello tramo da N-550 leva anos sendo obxecto de queixas e reclamacións por parte da veciñanza, debido ás múltiples deficiencias de conservación e de seguridade vial que presenta, xunto co estado de abandono dun dos elementos patrimoniais máis singulares do noso concello, como é a Ponte Malvar sobre o río Rons». «Desde o ano 2006 -explicou- son múltiples as iniciativas da Asociación O Chedeiro ante a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e ante o Concello de Pontevedra solicitando a mellora e acondicionamento deste tramo. En 2011 abordouse tamén o asunto no Consello Parroquial ante diversos membros do Goberno Municipal e, a maiores, a través da Federación de Asociacións Veciñais Castelao, tense reiterado nos últimos tempos a preocupación por esta cuestión e a solicitude da cesión do vial ás administracións implicadas».

Aínda que o Pleno do Concello, facendo súas as demandas dos veciños, xa reclamou en anteriores mandatos por unanimidade a transferencia deste treito da N-550, non existe aínda constancia de que esta solicitude formal se teña producido por parte do Goberno Local nin de que a cuestión fora abordada na recente xuntanza que o alcalde e o concelleiro de Mobilidade mantiveron co secretario de Estado de Transportes. «O tempo pasa, as solucións non chegan e a situación agrávase. Nestes momentos, os veciños e veciñas, incluídos os máis pequenos que se dirixen á parada do bus, seguen a enfrontarse diariamente a situacións de perigo pola falta de beirarrúas e de canalización de augas pluviais, ao mal estado do firme, á elevadísima velocidade dos vehículos que usan esta vía como atallo ou á presenza de camións mal estacionados que obstrúen o paso», denunciou o portavoz socialista.
Por este motivo, Puentes defende que «sendo conscientes de que a meta definitiva é acadar a cesión do vial ao Concello, resulta imprescindible, mentres isto non se materialice, adoptar medidas urxentes para mellorar a conservación e a seguridade vial e peonil neste vello treito da estrada N-550». «Agardemos que -engadiu- a moción sexa aprobada por unanimidade no Pleno e que, ademais, se dean os pasos administrativos para facela realidade».
«Hai 15 días viñan ‘a toda leche’ e case me levan a min por diante»
O secretario da Asociación Veciñal O Chedeiro agradeceulle ao Grupo Municipal do PSOE que se converta en altofalante dunhas actuacións «que nos levamos reclamando de xeito firme desde hai uns dez anos, enviando escritos a Carreteras del Estado». Segundo relatou, «o que nos fixeron ata agora foi unha limpeza da Ponte Malvar e un asfaltado, xa hai máis de dez anos, instalando ademais unhas bandas redutoras que, en lugar de solucionar o problema dalgún ‘tolo’ que pasa por aí, dobrou o perigo que había: só puxeron as bandas no lado dereito, en dirección Pontevedra, e o que fan agora é ir a toda velocidade polo lado esquerdo». «Hai 15 días case me levan a min diante no medio da Ponte, porque viñan ‘a toda leche’ por alí», narrou.
Juan Esperón afirmou que os habitantes de Cerponzóns leven «esquecidos desde que se fixo o treito novo, desde hai 28 anos, nos que seguimos pagando os mesmos impostos que os demais veciños e nos que practicamente non se fixo ningún investimento alí». O portavoz de O Chedeiro subliñou que, aínda que a cesión ao Concello é o obxectivo último, mentres esta non se materializa, «pedimos que cando menos as administracións se poñan de acordo sobre as medidas máis urxentes que se precisan: uns lombos para calmar a velocidade do tráfico rodado e unha beirarrúa pola que poida pasar tranquilamente un veciño que, por exemplo, se desprace en cadeira de rodas ou leve un carriño de bebés (agora mesmo deben facelo pola estrada)». «Por aí -matizou Esperón- é imposible pasar, e xa non digamos cando está chovendo».
Por outra banda, amosou o seu desexo de que, á marxe de limpezas puntuais, a Ponte Malvar «recupere o que era a Ponte Malvar» e se permita atravesala «por onde hai que pasar», en lugar de ter que poñerse en perigo por culpa das silvas que a invaden.

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS