Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE de Pontevedra amosa a súa indignación ante «a irresponsable decisión política do PP» de votar contra o decreto do Goberno: «Estanlle a dar unha labazada á cidadanía pontevedresa»

  • O portavoz municipal do partido, Iván Puentes, denuncia que a nefasta decisión dos cargos públicos do PP, «que tamén son de Pontevedra,» afecte «a 16.000 pensionistas pontevedreses que verán como a súa pensión baixa en febreiro», aos 60.000 usuarios mensuais das liñas de transporte público ou a case 90.000 persoas de menos de 34 anos que queren acceder a unha vivenda
  • A deputada socialista Marica Adrio considera que os ‘populares’ votaron «en contra da cidadanía, do escudo social da xente, de mellorar a vida das persoas e de medidas como as axudas aos afectados pola Dana»

Pontevedra, 27 de xaneiro de 2025.- O PSOE de Pontevedra amosou esta mañá a súa indignación ante «a decisión política irresponsable» adoptada polo PP, ao votar, xunto con Vox e Junts, en contra do decreto co que o Goberno de Pedro Sánchez pretendía revalorizar as pensións e o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e garantir os descontos no transporte público, as axudas aos afectados pola Dana de outubro e o programa para compra e alugueiro de vivenda. Nunha declaración conxunta do seu portavoz municipal, Iván Puentes, e da deputada no Congreso Marica Adrio, na que estiveron acompañados da parlamentaria Paloma Castro e maila concelleira Yoya Blanco, os socialistas denunciaron que esta decisión dos cargos públicos do PP, «que tamén son de Pontevedra», tivo «damnificados directos nesta cidade». «Quérenlle dar unha labazada a Pedro Sánchez -sosteñen-, dándolle unha labazada a tódolos pontevedreses e pontevedresas».

Tal e como subliñou Iván Puentes, «as decisións políticas teñen consecuencias e as decisións políticas irresponsables, como a do PP con Junts e con Vox, derogando a pasada semana no Congreso o real decreto impulsado polo Goberno, teñen damnificados en Pontevedra». Segundo afirmou, «hoxe temos na nosa cidade 16.000 pensionistas que non só non van cobrar máis ou ver como se revaloriza a súa pensión, senón que no mes de febreiro van ver como a súa pensión baixa, como cobran menos cartos dos que estaban a cobrar ata agora».

Asemade, o portavoz do PSOE lembrou que «hai 60.000 usuarios mensuais das liñas de transporte público municipal que van ver como sube o seu billete e como teñen que pagar máis cada día por viaxar, ao igual que o millón e medio de persoas que pasa cada ano pola estación de trens de Pontevedra». «E temos case 90.000 persoas menores de 34 anos que, cando queiran acceder a unha vivenda digna a un prezo asequible, terano incluso máis complicado do que xa o é a día de hoxe -sinalou-, porque tamén o PP, Junts e Vox decidiron non aprobar esas axudas directas ao alugueiro e á compra de vivenda para persoas novas, que son as que máis sofren estes elevados prezos polo seu menor poder adquisitivo».

Iván Puentes afirmou que «o PP non é un ente que vive no Congreso dos Deputados, senón que tamén ten representación en Pontevedra a través duns cargos públicos; e eses cargos públicos do PP quixeron darlle unha labazada ao presidente Pedro Sánchez e ao Goberno de España e facer un cálculo electoral para arrapañar unha serie de votos… Dándolle realmente unha labazada de verdade á meirande parte da cidadanía pontevedresa, que é en definitiva quen vai pagar as consecuencias desa decisión nefasta, irresponsable e fóra de toda lóxica do Partido Popular».

Adrio: «Aos deputados do PP non lles importan nin Galicia, nin Pontevedra»

Nesta mesma liña, amosou a súa indignación a deputada do PSOE no Congreso Marica Adrio, quen considera que «o pasado mércores o PP votou en contra da cidadanía, do escudo social da xente, de mellorar a vida das persoas e de medidas como as axudas para os afectados pola Dana». 

Adrio pregúntalles aos deputados e deputadas do PP de Pontevedra «por que votaron en contra da suba das pensións, que afecta directamente a uns 230.000 pensionistas da nosa provincia». «As contributivas deberían subir nun 2,8%, uns 41 euros ao mes -salientou-, mentres que os que perciben non contributivas e aquelas pensións máis baixas de orfandade ou viuvez tiñan incrementos previstos entre un 6 e un 9%».

Asemade, Marica Adrio criticou que os ‘populares’ votaran en contra e lles dixeran «non» aos 170.000 traballadores e traballadoras da provincia perceptores do SMI, aos que este «non se lles incrementará a partir de febreiro nun 6%, o que supón que non percibirán o salario de 1.134 euros mensuais brutos en 14 pagas».

«Tamén dixeron que non a mellorar o parque vivenda en alugueiro social; non ao bono social eléctrico para as familias vulnerables; non ao bono de transportes, prexudicando a unhas 60.000 persoas que se benefician de bonos semestrais de Renfe nesta provincia e aos milleiros de usuarios de autobús urbano e interurbano coa bonificación do 25%; non a que milleiros de autónomos pontevedreses melloren a súa fiscalidade; non á que a Xunta ingrese máis de 700 millóns de euros de axudas a conta que afectan á Sanidade, á Educación e á Dependencia; non a garantir o financiamento para exportacións e investimentos externos de empresas españolas; e non a elevar a 22.000 euros anuais o límite da exención do IRPF», explicou Adrio.

A tenor desta actitude de chantaxe e secuestro dos avances e escudos sociais, a socialista ten moi claro que «aos deputados do PP non lles importan nin España, nin Galicia, nin Pontevedra».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes