Saltar al contenido

¡Síguenos!

Os socialistas reclaman que se dote a Pontevedra dun Centro de Día específico para adultos con Trastorno do Espectro Autista

  • Nunha iniciativa que levará ao vindeiro Pleno, o Grupo Municipal do PSOE denuncian a situación de desamparo asistencial que padecen as persoas con TEA a partir dos 21 anos, ao non existir actualmente na nosa comarca ningún centro específico de atención diúrna ou residencial para elas (os máis próximos son os de Vilagarcía, con 35 prazas, e o de Moraña, con 7)
  • «Os recursos son claramente insuficientes -sinala Iván Puentes-, o que fai que estas persoas, ao chegar aos 21 anos, non teñan máis opción que quedar na casa ao cargo de familiares. Isto supón un gran prexuízo para o seu desenvolvemento e un problema de conciliación para as familias que os coidan»

Pontevedra, 15 de xaneiro de 2025.- En función do grao de discapacidade que padezan, as persoas diagnosticadas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) dispoñen unicamente ata os 21 anos de acceso escolar nun centro público ordinario, con apoio específico, ou nun centro de Educación Especial. A partir desa idade, non existe na nosa comarca ningún centro específico de atención diúrna ou residencial para elas, o que as deixa nunha situación de desamparo educativo e asistencial: os máis próximos atópanse nos concellos de Vilagarcía (con 35 prazas e xestionada polo colectivo Bata) e de Moraña (con 7 prazas e xestionado pola asociación Apacaf).

Unha realidade sobre a que decidiu arroxar luz o Grupo Municipal do PSOE a través dunha moción que levará ao vindeiro Pleno da Corporación. A proposición impulsada polos socialistas, que tamén será trasladada ao Parlamento Galego mediante unha iniciativa da deputada Paloma Castro, pretende instar ao Goberno Local a pechar un convenio de colaboración con Xunta de Galicia e Deputación Provincial para a creación dun centro de atención diúrna para persoas adultas con TEA en Pontevedra.

Tal e como denuncia o portavoz socialista, Iván Puentes, «estes recursos son claramente insuficientes, tendo en conta non só a escaseza de prazas, senón tamén a pouca rotación das mesmas, xa que estes usuarios demandan atención ao longo da súa vida». «O que fai -subliña- que, ao chegar aos 21 anos, estas persoas non teñan máis opción que quedar na casa ao cargo de familiares. Isto supón un gran prexuízo para o seu desenvolvemento e un problema de conciliación para as familias que as coidan».

O PSOE considera que Pontevedra, como capital de provincia e de comarca, debe dispoñer dun centro de atención diúrna específico, dotado de prazas públicas e que naza da colaboración entre o Concello e a Xunta, que como organismo competente, fomente a súa construción e financie o seu funcionamento. En opinión de Iván Puentes, «do que se trata é de poñer a disposición das persoas con discapacidade e das súas familias máis servizos, máis facilidades e máis coidados; en definitiva máis inclusión e máis igualdade».

Puentes lembra que en Galicia hai diagnosticadas ao redor de 27.000 persoas con TEA, case o 1% da súa poboación, «e as políticas desenvolvidas polo goberno da Xunta para a integración, apoio e asistencia a estas persoas e as súas familias son agora mesmo escasas». «O TEA -explica- impacta non só na persoa, senón tamén na súa familia, e na calidade de vida de tódolos seus membros. Porén, a atención ás persoas con TEA require dunha abordaxe integral, orientada a facilitar apoios individualizados, especializados e baseados na evidencia científica, que promovan a súa calidade de vida e o exercicio efectivo dos seus dereitos».

O Trastorno do Espectro Autista fai referencia a un conxunto heteroxéneo de condicións que afectan ao neurodesenvolvemento e ao funcionamento cerebral, dando lugar a dificultades na comunicación social e na interacción social en diversos contextos, uns patróns restritivos e repetitivos de comportamento, intereses e actividades, e outras manifestacións clínicas que varían dunhas persoas a outras. Esta heteroxeneidade na presentación clínica tamén se observa ao longo do ciclo vital dunha mesma persoa, así como na intensidade das súas características.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes