O PSOE reivindica a dotación dunha liña ferroviaria de Cercanías que favoreza a mobilidade entre Pontevedra, Vigo e Vilagarcía e propón a súa futura extensión ata a localidade portuguesa de Valença do Minho
- A proposta rexistrada polo portavoz socialista, Iván Puentes, plantexa a creación dun servizo que estea integrado, mediante billete único, co transporte interurbano por estrada, as liñas urbanas de autobús e outros medios de transporte público
- Na moción, que será debatida no vindeiro Pleno ordinario, ínstase aos gobernos de España e Portugal a acelerar ao máximo a obra de conexión entre Porto e Vigo a través de alta velocidade, de xeito a liña estea xa finalizada no ano 2030, ao tempo que se lle esixe ao Executivo que siga avanzando na obra de saída Sur ferroviaria desde Vigo ata O Porriño e que licite o treito ata a fronteira lusa
Pontevedra, 14 de xaneiro de 2025.- O Grupo Municipal do PSOE defenderá no vindeiro Pleno ordinario unha moción na que reivindica a dotación, dentro do futuro servizo de Cercanías de Galicia, dunha liña ferroviaria que favoreza a mobilidade dentro da grande área metropolitana conformada por Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa. A proposta, asinada e rexistrada polo portavoz socialista, Iván Puentes, plantexa a creación dun servizo que estea integrado, mediante billete único, co transporte interurbano por estrada, as liñas urbanas de autobús e outros medios de transporte público. Asemade, a moción solicita que, dentro dos traballos de construción da saída Sur do Eixo Atlántico (Vigo-Portugal), se estude a extensión desta liña de Cercanías ata a localidade lusa de Valença do Minho, «como medida destinada a impulsar de xeito decidido a integración da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal».
Os socialistas tamén pretenden que a Corporación Municipal inste aos gobernos de España e Portugal «a acelerar ao máximo a obra de conexión entre Porto e Vigo mediante alta velocidade, de xeito que, tal e como se acordou nos cumios da Guarda (2020) e de Viana do Castelo (2022), a data de finalización desta liña se sitúe no ano 2030». «Queremos instar ademais ao Goberno de España -explica Iván Puentes- a seguir avanzando coa máxima celeridade na obra de saída Sur ferroviaria (a través de túnel) desde Vigo ata O Porriño, e a continuar coa licitación dos traballos entre O Porriño e a fronteira portuguesa, acordando co Executivo portugués o lugar de encontro do AVE entre ámbolos países».
A proposición fai fincapé na necesidade de subliñar a relevancia, dentro da UE, das liñas Lisboa-Porto-Vigo-Pontevedra-Madrid e Lisboa-Porto-Vigo-Pontevedra-Valladolid (bypass de Olmedo)-Euskadi-Francia, «creando un grande Eixo Atlántico ferroviario vertebrado no territorio peninsular e europeo». En opinión do portavoz municipal do PSOE, «ámbalas infraestruturas, tanto a conexión de alta velocidade con Portugal como a integración na futura rede de Cercanías, son vitais para o desenvolvemento económico de Pontevedra e para o asentamento de poboación na nosa cidade, polo que os pontevedreses, e en particular os grupos políticos do Concello de Pontevedra, debemos traballar unidos desde este primeiro momento, defendendo os intereses do noso municipio e reclamando unha serie de medidas tendentes a manter e potenciar o papel de Pontevedra coma capital da provincia e da súa comarca».
Ao seu xeito de entender, «o ferrocarril está a ser, pero aínda o será máis no futuro, unha das infraestruturas claves no desenvolvemento social e económico de Galicia e Pontevedra», polo que «debe estar integrada nesta rede ao máximo nivel, facendo valer a súa ubicación estratéxica no Eixo Atlántico e, particularmente, na conurbación das Rías Baixas».
A historia dunha infraestrutura que o PP dificultou e que España e Portugal se comprometeron a rematar en 2032
Para Iván Puentes, resulta imprescindible lembrar a historia dunha infraestrutura que, desde a política, «tivo detractores que dificultaron a súa construción, especialmente da saída Sur (Vigo-Portugal)». Así, no ano 2006, o Goberno Municipal de Vigo, do Partido Popular, aceptou que o novo trazado de entrada do tren á estación de Urzáiz fora en superficie, decisión que mantería a ruptura da cidade pola vía do tren e impediría para sempre a saída Sur en túnel cara ao Porriño e Portugal.
«No ano 2007 -relata- mudou o goberno de Vigo, o PSOE accedeu á Alcaldía e este novo Goberno Municipal acordou co Goberno de España e co Presidente José Luis Rodríguez Zapatero que o tren entrara na cidade en túnel, obra que foi levada a cabo efectivamente en 2011, ano no que as tuneladoras entraban en Urzáiz. A cidade eliminaba un obstáculo e permitía abordar, de novo, a saída Sur en túnel da alta velocidade, dándolle continuidade ao Eixo Atlántico cara a Portugal e desfacendo a chapuza do Partido Popular».
En efecto, nove anos despois, no cumio hispano-luso da Guarda, no ano 2020, os gobernos socialistas de España, con Pedro Sánchez, e de Portugal, con Antonio Costa, acordaron a unión por Alta Velocidade de Vigo coa cidade do Porto. Esta decisión renovouse e reforzouse no cumio de Viana do Castelo en 2022, onde España e Portugal acordaron a posta en marcha da nova liña de alta velocidade no ano 2030.
O Goberno de España adxudicou en 2023 o Estudo Informativo da saída Sur ferroviaria en túnel para o AVE Vigo-Porto, que debería estar rematada a comezos de 2025. No último cumio de Faro (23/10/2024), España e Portugal (xa con goberno da dereita) acordaron finalizar as obras do AVE Vigo-Porto en 2032, pero co compromiso español de axilizar os prazos se o goberno portugués era quen de traer a súa liña de alta velocidade ata a fronteira galega antes desa data. Ámbolos gobernos renovaron así o compromiso de acometer esta conexión e, ao mesmo tempo, España estableceu que a unión de Madrid con Lisboa en alta velocidade estaría rematada, na parte española, en 2030.
En paralelo, o Goberno de España vén de anunciar que neste ano 2025 fará realidade unha vella aspiración de boa parte da sociedade galega: a integración do noso país na rede de Cercanías, o que, entre outras vantaxes, permitirá abaratar o custo do billete de tren, ao estar cofinanciado polos gobernos español e galego, e integralo co billete de autobús, pagando unha única tarifa por zonas (como acontece nas principais áreas metropolitanas do Estado); e incrementar notablemente as frecuencias, dando así resposta á crecente demanda de usuarios/as do ferrocarril, que na estación de Pontevedra superan xa o millón e medio de viaxeiros/as ao ano (case un 90% máis que hai unha década), o que fai que a nosa terminal estea xa entre as 15 con maior número de usuarios/as de toda España.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS