- O portavoz do PSOE participará mañá nun almorzo-coloquio protagonizado polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e no que dará a coñecer o contido da proposta que defenderá na sesión plenaria do luns co obxectivo de impulsar a xeración de novo chan industrial no noso concello
- A moción dos socialistas reclama que o Goberno Local axilice ao máximo os trámites para licitar e executar a ampliación do polígono industrial do Campiño e encargue un estudo de viabilidade e localización de novas áreas susceptibles de converterse en chan industrial
Pontevedra, 19 de decembro de 2024.- A dotación de novo chan industrial, que permita asentar máis empresas e xerar emprego no noso concello, está a ser un dos principais cabalos de batalla do socialista Iván Puentes durante este mandato. Un empeño que o portavoz municipal do PSOE defenderá o vindeiro luns no Pleno da Corporación a través dunha moción e que mañá reivindicará no contexto dun almorzo-coloquio que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, manterá no Hotel Rías Baixas a partir das 9:30 horas co empresariado de Pontevedra.
A iniciativa impulsada por Puentes reclámalle ao Goberno Local que priorice a elaboración dun estudo de viabilidade e delimitación para executar un porto seco no lugar de Leborei (en Cerponzóns), contemplado como «unha plataforma industrial que permita o asentamento de novas industrias e que dea servizo ás actividades do Porto de Marín e Pontevedra, aproveitando a súa localización estratéxica, ao pé da vía férrea de alta velocidade e do ferrocarril ao Porto, da Autoestrada do Atlántico e das estradas de Vilagarcía (PO-531) e Santiago (N-550)». Asemade, o líder do PSOE pontevedrés esíxelle ao Concello que axilice ao máximo os trámites para licitar e executar a ampliación do polígono industrial do Campiño e que encargue canto antes outro estudo de viabilidade e localización de novas áreas susceptibles de converterse en chan industrial, «dando así resposta ás necesidades presentes e futuras de asentamento de novas empresas no noso termo municipal».
En opinión de Iván Puentes, «a falta de chan industrial é un dos principais déficits que padece a competitividade económica de Pontevedra en relación co resto de cidades galegas e do Estado». «Tanto -considera- que a disposición de solo dispoñible é a día de hoxe de practicamente 0 metros cadrados».
Tal e como explicará mañá ante os empresarios de Pontevedra, «o polígono industrial do Campiño está esgotado desde hai anos e non hai previsto un só proxecto de desenvolvemento de novas bolsas de chan industrial, salvo a infinitamente adiada ampliación do Campiño nunha nova fase duns 350.000 m2, que sería un simple parche para paliar a situación a curto prazo, pero incapaz de dar solución ás necesidades de Pontevedra de cara ao futuro». Segundo denuncia na súa proposta, «os empresarios e empresarias da cidade, así coma diversos colectivos sociais, levan anos advertindo da obriga de corrixir este problema, especialmente grave se temos en conta que, desde que se inician os estudos para a dotación de novo chan industrial ata que este está plenamente operativo, son necesarios varios anos de traballos e trámites administrativos diversos». «É preciso iniciar canto antes eses traballos -sostén- para reducir o tempo no que Pontevedra, si ou si, seguirá sen chan industrial».
Para o portavoz do PSOE, «Pontevedra debe aspirar a converterse nunha das capitais que contan desde o punto de vista económico, tanto en España como en Galicia, e isto pasa por facer compatible o seu modelo de cidade amable co dunha importante área industrial, que tamén pode ser amable, liderando, por exemplo, o asentamento de industria verde na nosa comunidade, aproveitando infraestruturas coma o Porto de Marín e Pontevedra, a conexión por alta velocidade coa meseta e con Portugal, a mellora das estradas de alta capacidade, a proximidade a outras importantes áreas industriais…». «As grandes capitais -subliña- son as que lideran a xeración de emprego e riqueza nos seus países, as que incrementan poboación e as que se poden dotar de mellores servizos públicos grazas á riqueza xerada».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS