Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE insta ao Goberno Local a «colaborar urxentemente» con Augas de Galicia para executar as lagoas deseñadas por Iván Puentes para acabar coas inundacións en Fernando Olmedo e pide que se aproveite a obra para a restauración ambiental do rego de Valdecorvos

  • Os socialistas consideran que se presenta unha crucial ocasión para resolver o histórico problema de asolagamentos e impulsan unha moción que será debatida no vindeiro Pleno e na que tamén propoñen que se aproveite a obra para crear en Valdecorvos «unha gran zona verde que se converta no parque e área central de lecer do crecente número de veciños e veciñas que habitan no barrio de Valdecorvos»
  • Iván Puentes asegura que o «papelón surrealista» de Rafa Domínguez, descoñecendo a decisión da Xunta e propoñendo unha solución propia do Frente de Juventudes como crear unha nova tubería por José Malvar, «amosa a súa incapacidade para poder ser alcalde de Pontevedra»

Pontevedra, 11 de decembro de 2024.- O PSOE pontevedrés recibiu cunha inmensa satisfacción o anuncio de Augas de Galicia de que asumirá o proxecto impulsado por Iván Puentes para crear lagoas de inundación controlada no parque de Valdecorvos e acabar coas recorrentes inundacións na rúa Fernando Olmedo, unha solución consensuada co organismo autonómico desde o ano 2022, da que a Xunta financiará tanto a obra como a redacción do proxecto de execución e que se converterá na primeira actuación deste tipo que se leve a cabo en Galicia. Despois de ano e medio perdido, no que BNG e PP tentaron desprestixiar este plan asegurando que estaba baseado en conxeturas e que era inviable, os socialistas son conscientes da crucial ocasión que se presenta para resolver uns asolagamentos históricos e, por este motivo, decidiron darlle un último pulo a través dunha moción que se debaterá no vindeiro Pleno.

A proposta do PSOE insta ao Goberno Local a «colaborar urxentemente» con Augas de Galicia e coa Xunta «para redactar o proxecto de execución definitivo e desenvolver e executar, á maior brevidade posible, as lagoas de inundación natural» concibidas por Puentes para rematar coas inundacións no contorno de Fernando Olmedo, a partir dos estudos previos realizados polo Concello e do ‘Proxecto da Obra de Mellora Hidrolóxica do Drenado Natural e Paisaxismo do Parque do Regato Valdecorvos’. Asemade, a iniciativa, presentada esta mañá en rolda de prensa polo portavoz socialista, pide que se aproveite esta actuación «para restaurar ambientalmente o rego, recuperando meandros e elementos etnográficos, e creando unha gran zona verde que se converta no parque e área central de lecer do crecente número de veciños e veciñas que habitan no barrio de Valdecorvos».

Segundo expresou Puentes, a súa ledicia débese a que «por primeira vez en décadas hai unha solución deseñada, orzamentada e cunha perspectiva moi positiva de execución durante os anos 2025 e 2026 para poder poñer fin dunha vez por todas a ese problema de inundacións en Fernando Olmedo». «Pero tamén é unha satisfacción desde o punto de vista político -apuntou-, porque despois dun ano e medio no que se tentou desacreditar a este proxecto e se chegou a dicir que non había nada e que era inviable, a Xunta, que non é precisamente do PSOE, recoñece agora que este é o proxecto que achega unha mellor solución e, ademais, lle traslada ao Concello a súa vontade de financialo. Só falta por concretar a colaboración do Concello para a redacción do proxecto de execución material».

Tal e como explicou Iván Puentes, a moción foi debatida con carácter de urxencia na Comisión de Mobilidade e Obras celebrada no día de onte, obtendo o voto favorable do BNG e a conseguinte aprobación. «Sorpréndenos -salientou- a abstención do PP ante un proxecto auspiciado pola Xunta, na que coido que goberna o seu propio partido… Correspóndese co que foi o papelón surrealista do portavoz ‘popular’, Rafa Domínguez, que hai escasos 10 días, cando obviamente Augas de Galicia xa tiña previsto executar este proxecto, seguindo as solucións propostas polo Frente de Juventudes cando se canalizou o río baixo o Estadio da Xuventude, propoñía construír unha nova tubería pola rúa José Malvar; é dicir, continuaba insistido no erro que leva provocando tantas inundacións, preocupacións e perdas aos veciños desta zona da cidade. Seguía insistindo en entubar o río».

Ao seu xeito de entender, «isto amosa a incapacidade de Rafa Domínguez para poder ser alcalde de Pontevedra: agora xa non lle serve dicir que non ten experiencia de goberno, posto que leva dous anos sendo vicepresidente da Deputación Provincial, xa sabe o que é gobernar e, sobre todo, xa sabemos os demais o que é non saber gobernar». «Non sei se é que non traballa, se non prepara os temas ou que nin sequera fala cos seus compañeiros de partido para saber o que o PP está a facer na Xunta. En todo caso, amosa unha vez máis a súa incapacidade para poder ser alcalde desta cidade e para poder plantexar proxectos de futuro e que os veciños de Pontevedra precisan. Tívolle que emendar a plana o seu propio partido, dicíndolle que a solución máis axeitada é a que o PSOE ten consensuada coa Xunta desde 2022», asegurou.

O BNG sostiña que os asolagamentos non tiñan solución

Na súa intervención, Iván Puentes lembrou que «o BNG nos dicía a principios deste mandato que os asolagamentos de Fernando Olmedo non tiñan solución» e celebrou que, a pesar do ano e medio perdido, «o tempo nos dea a razón e o equipo de Goberno se abra finalmente a realizar un proxecto maduro, con estudos e cálculos». Contra a opinión expresada de xeito recente polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, de que os anegamentos son cada vez menos habituais, a moción presentada polos socialistas sostén que o problema das inundacións de rúas, garaxes e baixos de vivendas, que se traducen en multitude de danos materiais e nunha situación de inseguridade permanente, «agravouse nos últimos anos, debido aos efectos do cambio climático, que provoca cada vez con máis frecuencia chuvias de tipo torrencial».

Segundo recapitulou o líder do PSOE, o proxecto, orzamentado nuns 700.000 euros, contempla a construción, río arriba, no parque de Valdecorvos, de dúas lagoas de inundación natural para controlar os incrementos de cadal e evitar as inundacións en Fernando Olmedo; e aproveitando a creación destas balsas, tamén a recuperación ambiental do rego, xerando no seu contorno unha gran zona verde.

Puentes subliñou «a boa sintonía e o froitífero traballo conxunto» que houbo con Augas de Galicia durante todo o deseño deste proxecto, «un camiño que tivo un punto de inflexión en 2021, coa incorporación, tralas alegacións formuladas polo PSOE desde a Concellería de Desenvolvemento Sostible, do rego de Valdecorvos e da rúa Fernando Olmedo ao Plan de Xestión de Risco de Inundación de Galicia 2021-27, abrindo así as portas ao financiamento desta obra por parte da Xunta». Posteriormente, elaborouse o mencionado ‘Proxecto da Obra de Mellora Hidrolóxica do Drenado Natural e Paisaxismo do Parque do Regato Valdecorvos’ e o Concello de Pontevedra solicitou autorización de obra o 11 de marzo de 2022. «Grazas a todo este traballo -matizou-, as de Pontevedra serán as primeiras zonas de inundación controlada que se executen en Galicia».

Os socialistas emendan as mocións do PP co obxectivo de que se executen os proxectos que xa existen para a restauración dos xardíns da Uned e a mellora do alumeado e o pavimento da Illa das Esculturas 

Á marxe da moción sobre as inundacións de Fernando Olmedo, Iván Puentes tamén anunciou que o seu partido vén de rexistrar unha batería de emendas ás propostas do PP relativas á restauración paisaxística e apertura ao público dos xardíns da Uned e ao acondicionamento e mellora da área deportiva da Illa das Esculturas e a avenida de Bos Aires. En concreto, no que atinxe á zona verde do centro asociado de Monte Porreiro, os socialistas de Pontevedra plantexaron unha emenda de adición, consistente en engadirlle á proposta de resolución dos ‘populares’ un terceiro punto, que diga literalmente: «3º. Instar ao Goberno Municipal a licitar, contratar e executar á maior brevidade o proxecto elaborado no mandato municipal 2019-2023 para a restauración paisaxística, axardinamento e urbanización dos xardíns da Uned de Pontevedra, ademais de executar a conexión peonil prevista coa rúa Italia e o parque do Miradoiro de Monte Porreiro».

Puentes agarda que a emenda sexa aceptada, de xeito que a proposta non quede nunha simple mellora do parque, senón que tamén se execute un proxecto que inclúa a renovación paisaxística, urbanización, apertura e optimización da conexión peonil destes xardíns da Uned (tanto co Miradoiro como co ese acceso que permita o acceso de peóns desde a zona máis próxima ás vivendas da rúa Italia).

No que se refire á proposta para acondicionar a Illa das Esculturas, o PSOE redactou unha emenda de modificación na que se pide a substitución do parágrafo no que se di “Mellora do alumeado de toda a zona, estudando as diferentes posibilidades para a implantación de sistemas de iluminación que permitan o desenvolvemento da actividade física de forma segura e, tamén, reduzan o impacto medioambiental da zona”, por un que rece «Mellora do alumeado de toda a zona, segundo o proxecto elaborado polo Concello de Pontevedra no mandato 2019-2023, financiado con fondos europeos e incluído no PSTD (Plan de Sustentabilidade Turística en Destino) do Goberno de España e a Xunta de Galicia, permitindo o desenvolvemento da actividade física de forma segura e, tamén, reducindo o impacto medioambiental na zona». Por outra banda, plantéxanse dúas emendas de adición, incorporando un novo punto na exposición de motivos do punto que se inicia con “Mellora de asfaltado…” (concretamente, «Mellora do pavimento dos camiños de terra da Illa das Esculturas permitindo unha mellor drenaxe do mesmo, de maneira que se favoreza o paseo e a práctica deportiva segura, minimizando o risco sobre a integridade física dos usuarios») e outro na proposta de punto final, que diga «Instar á Xunta de Goberno local a que cando se leven a cabo as actuacións solicitadas, teñan en consideración o uso cultural da Illa, protexendo en todo caso, as esculturas nela ubicadas».

«Imos votar a favor desta moción -avanzou-, pero unha vez máis, o PP parece non saber moi ben o que se fixo no anterior mandato e pide que se elabore un proxecto de alumeado, cando xa existe un proxecto de mellora do alumeado financiado con fondos europeos e que está a piques de saír a contratación por parte do Concello».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes