Iván Puentes insta ao BNG a sacar do caixón o seu proxecto para crear balsas inundables en Valdecorvos e acabar coas inundacións en Fernando Olmedo: «É un proxecto maduro, con cálculos e estudos, con solucións técnicas enriba da mesa, con xestións feitas ante a Xunta e cun custe asumible»
- O portavoz municipal do PSOE subliña a importancia de que este proxecto se inclúa na actual negociación dos orzamentos: «Levamos insistindo en que se execute desde 2021 e a negativa do BNG a facelo foi un dos motivos que explican que non esteamos hoxe no Goberno Local e que votásemos en contra dos orzamentos para 2024»
- Puentes cualifica de «surrealista» que Eva Villaverde vinculase o último asolagamento coas follas acumuladas na rede de sumidoiros
Pontevedra, 27 de novembro de 2024.- O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, volveu instar hoxe ao Goberno Local a poñer en marcha canto antes a solución deseñada polos socialistas no anterior mandato para acabar coas constantes inundacións que se producen na rúa Fernando Olmedo. Puentes esíxelle ao BNG que saque do caixón un proxecto que pasa pola creación de dúas lagoas inundables no parque de Valdecorvos, un plan que está «absolutamente maduro, con cálculos e estudos, con solucións técnicas enriba da mesa, con xestións feitas ante a Xunta, cun custe asumible (uns 700.000 euros) e incluso coa posibilidade de financiarse con cargo a fondos europeos».
«Levamos insistindo en que se execute este proxecto desde 2021 -afirmou- e a negativa do BNG a facelo foi un dos motivos que explican que o PSOE non estea hoxe no Goberno Local e votase en contra dos orzamentos do Concello para 2024».
Nunha comparecencia desenvolvida esta mañá na Sala de Prensa do Concello, o líder do PSOE pontevedrés reclamou «unha solución definitiva» ás inundacións de Fernando Olmedo e que «esta mesma pasada fin de semana, cun episodio meteorolóxico adverso, volvemos revivir», acontecendo «o de sempre»: un exceso de choiva acumulado en pouco tempo, incremento de cadal do rego de Valdecorvos, marea chea (ou case chea), dificultades para aliviar e desembocar toda a auga que baixa polo rego, desbordamentos, asolagamentos e problemas para os veciños e veciñas. Tal e como subliñou, «hai anos que o PSOE vén non só reclamando unha solución para esta zona da cidade, senón ademais achegando esa solución concreta».
«Esta semana volvemos ver unha actuación por parte do Goberno Local -afirmou- que a min me xera moitas dúbidas. Saía primeiro en rolda de prensa a concelleira de Seguridade, Eva Villaverde, botándolle a culpa das inundacións ás follas que estaban acumuladas nos sumidoiros; unha explicación que só podemos cualificar de surrealista. Isto non foi un acontecemento esporádico, senón que se trata de algo que se reitera varias veces cada inverno e, co cambio climático, mesmo noutros períodos nos que hai moita choiva acumulada. En todo caso, se a culpa fora simplemente das follas, cabería preguntar de quen, senón do Concello, é responsabilidade varrer esas follas para que a rede de sumidoiros estea en perfectas condicións».
Iván Puentes matizou que, se ben «unhas arquetas en malas condicións e unha acumulación de follas na rúa poden incrementar a acumulación de auga», o problema «vai moito máis aló». De feito, en contradición co expresado por Eva Villaverde, onte comparecía o tamén nacionalista César Mosquera, que «cun pouco máis de sentido común e de criterio técnico, definía claramente o problema que hai en Fernando Olmedo, que é o que vimos denunciando tanto o PSOE como os veciños desde hai moito tempo: que o rego de Valdecorvos, con marea chea e unha acumulación de auga importante, non pode desembocar e aliviar toda a auga que arrastra».

Segundo explicou, esta situación «vén de antigo» (como se sostén no informe emitido polo Concello á Valedora do Pobo), ao haber toda unha zona de xunqueira ocupada a día de hoxe polo Estadio da Xuventude que era a área de inundación natural do rego de Valdecorvos. Puentes lembrou que o PSOE, dentro da súa estratexia Pontevedra Flúe, tiña deseñado xa un proxecto que permitía reducir os riscos de inundacións na rúa Padre Fernando Olmedo e, ao mesmo tempo, crear valor nunha zona de expansión da cidade como a de Valdecorvos, xerando un gran parque cunha zona verde.
Unha solución técnica xa probada con éxito en espazos como o parque de La Marjal (Alicante) e que reduciría nun 70% a superficie que se inunda nos casos das choivas torrenciais máis graves (que se dan cada dez anos)
O proxecto socialista plantexa pois actuar río arriba, creando dúas lagoas ou balsas de inundación natural, unha solución técnica xa probada con éxito noutros puntos do Estado. Así, o portavoz municipal do PSOE puxo o exemplo do parque de La Marjal (Alicante), «un caso que leva funcionando desde hai moito tempo con choivas torrenciais como as que vimos nos últimos tempos na conca Mediterránea, infinitamente máis graves que as que temos en Pontevedra».
Dado que o rego de Valdecorvos é moi pequeno, ten unha pendente bastante elevada e veu modificado o seu curso tanto na parte baixa como río arriba, cando se dan choivas de certa intensidade, incrementa de xeito moi rápido e notable o seu cadal e a auga baixa a moita velocidade. Por este motivo, Puentes propón que se constrúa unha lagoa artificial «máis pequena, que reteña as augas pluviais que agora van directamente ao río durante os momentos de máximo aluvión», e unha segunda lagoa «máis grande na que o río desbordase a partir dun determinado nivel de cadal». «Cando a marea baixase e xa o rego de Valdecorvos puidese fluír libremente cara ao Lérez -apuntou-, a auga retida previamente, durante as horas de marea alta, podería irse aliviando progresivamente».
Os datos técnicos do proxecto determinan que, de maneira conxunta, estas lagoas poden reter até 9.000 metros cúbicos de auga, cunha profundidade de 1,5 metros cada unha, o que resultaría suficiente para (cos cálculos de inundación efectuados) que se controlen as inundacións máis graves, que se producen cada dez anos en Fernando Olmedo. «Esta rúa -aclarou Iván Puentes- inúndase varias veces cada ano, pero as máis graves prodúcense arredor dunha vez cada dez anos. Mesmo nese hipotético caso das choivas torrenciais máis graves, esta solución técnica sería capaz de reducir nun 70% a superficie que se inunda, diminuíndo o cadal do río entre un 12 e un 18% e sacándolle unha altura de aproximadamente 30 centímetros… Estamos falando de evitar practicamente un 90% das inundacións que temos agora mesmo en Fernando Olmedo e, incluso neses casos máis graves, só habería afloramentos de auga na rúa, pero que non entraría nos garaxes e non produciría os desperfectos que se dan agora mesmo».
Puentes admitiu que «o problema, ao 100%, nunca se vai poder solucionar, porque foi urbanizada unha zona que era de xunqueira, pero si o podemos mitigar ao máximo e evitar os danos materiais e persoais, que afortunadamente nunca se produciron neste caso».
O Concello chegou a solicitarlle autorización a Augas de Galicia, pero a tramitación meteuse nun caixón
O portavoz socialista indicou que esta solución, que se concretou nun proxecto no ano 2022, foi xestionada no seu momento con Augas de Galicia. De feito, en 2021, cando a Xunta aproba o seu Plan de Xestión de Risco de Inundacións da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa para o período 2021-2027 (na práctica, o mapa de zonas con risco de inundacións da nosa comunidade), o rego de Valdecorvos e a rúa Padre Fernando Olmedo non estaban incluídos.
«Desde a Concellería de Desenvolvemento Sostible -precisou- démonos conta desta situación, presentamos alegacións a ese Plan, a Xunta deunos a razón e, froito disto, o rego de Valdecorvos e Fernando Olmedo si están incluídos nese mapa… Motivo polo cal coñecíamos hai xa un par de semanas que a Xunta lle esixe ao Concello achegar solucións».
Ademais, o 11 de marzo de 2022, o Concello de Pontevedra solicitoulle autorización a Augas de Galicia para poder facer esta obra, remitíndoselle o proxecto. En 2023, o departamento da Xunta contestou a este requirimento solicitando unha serie de documentación complementaria, pero como cambio de Goberno, esa petición nunca foi contestada e o proxecto de Puentes foi abandonado no caixón.
Iván Puentes asegurou que os socialistas levan «desde que o BNG goberna en minoría, insistindo en que se lle dea continuidade a determinados proxectos que quedaron das concellerías que xestionaba o PSOE». «Este era un dos proxectos fundamentais -subliñou-, absolutamente maduro, con cálculos e estudos, con solucións técnicas enriba da mesa, con xestións feitas ante a Xunta e incluso coa posibilidade de financiarse con cargo a fondos europeos. Ten un custe pequeno para a importancia da obra e a capacidade do Concello, duns 700.000 euros, e aínda por riba absolutamente susceptible de ser financiado pola Xunta e o Goberno de España, porque é unha solución sostible e baseada na natureza, que son os criterios que a UE nos esixe».

Puentes lamentou que esta iniciativa do PSOE caera en saco roto durante este ano e medio de mandato, «e incluso se nos dixo en varias ocasións que non era unha solución tecnicamente viable, que o que había que facer era unha tubaxe pola rúa José Malvar». Por fortuna, o portavoz socialista ve hoxe «un cambio de postura» e, escoitadas as sensatas declaracións de César Mosquera, «sinálase que esa tubaxe por José Malvar é de difícil execución e dubidosa efectividade e que a solución tecnicamente máis viable é aquela que o Partido Socialista leva propoñendo desde 2021: reter a auga río arriba nesa zona de Valdecorvos».
«Non só é que houbese insistencia en que se executase este proxecto -engadiu-, é que a negativa do BNG a executalo un dos motivos que explicaron que o PSOE non estea no Goberno Local neste mandato e non votase a favor dos orzamentos do Concello para 2024. Vemos que se abre unha fiestra de esperanza, que por fin pode levarse a cabo esta solución e, desde logo, imos estar aí para facelo realidade canto antes e para que os veciños de Fernando Olmedo non teñan que deitarse preocupados cada vez que chove máis da conta».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS