Saltar al contenido

¡Síguenos!

Os socialistas instan ao Goberno Local a despregar unha rede de desfibriladores externos nos espazos e edificios públicos de Pontevedra

  • A iniciativa que o Grupo Municipal do PSOE levará a Pleno este luns propón que esta dotación de equipos DEA e DESA se complemente co deseño e implantación dun sistema de sinalización claro, visible e accesible na rúa, que permita localizar con facilidade os desfibriladores máis próximos nos puntos centrais da cidade e de cada barrio
  • Segundo explica Iván Puentes, a proposta de acordo tamén lle solicita ao Concello a planificación de campañas educativas e de concienciación cidadá en materia de cardioprotección, con obradoiros de reanimación cardiopulmonar (RCP) e uso de desfibriladores automáticos e semiautomáticos dirixidos a adultos/as e mozos/as
  • Pontevedra conta con 34 desfibriladores en edificios públicos e 26 en dependencias privadas, dos que en moitos casos a cidadanía descoñece a súa localización. Non hai ningún na vía pública. «A nosa cidade presenta aínda algunhas deficiencias en materia de cardioprotección que deben ser abordadas de maneira urxente», advirte Puentes

Pontevedra, 15 de novembro de 2024.- Segundo se pode extraer do Mapa Desa Galicia, elaborado polo 061, a nosa cidade conta actualmente con 60 dispositivos de desfibrilación automáticas e semiautomáticos (DEA e DESA) en edificios públicos e privados fóra do ámbito sanitario: en concreto, Pontevedra dispón de 34 desfibriladores en dependencias públicas (16 do Concello, 10 da Xunta, 5 da Deputación e 3 da Universidade de Vigo) e 26 en dependencias privadas, aos que hai que sumar un máis, o do Mercado de Abastos, non recollido no mapa autonómico. Non existe ningún na vía pública e, en moitos casos, a cidadanía descoñece a súa localización, o que limita substancialmente a capacidade para actuar de maneira rápida en situacións de emerxencia e, en consecuencia, as posibilidades de supervivencia das persoas que sofren paradas cardiorrespiratorias na rúa (cada segundo conta neste tipo de lances).

«A cardioprotección é un dereito básico e un tema de vital importancia para a seguridade e o benestar da cidadanía, xa que as actuacións rápidas e eficaces poden salvar vidas en casos de paradas cardíacas. Pontevedra presenta aínda algunhas deficiencias nesta materia que deben ser abordadas de maneira urxente». Deste xeito expresa o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, a relevancia da moción que o seu grupo levará a Pleno o vindeiro luns para lograr que o Goberno Local contribúa en «garantir a seguridade e o acceso a recursos vitais en casos de emerxencia, adoptando medidas e poñendo en marcha unha rede de desfibriladores externos en dependencias municipais que nos permitan salvar vidas».

A proposta, impulsada polo Puentes e mailo concelleiro Marcos Rey, solicítalle ao Concello que realice un diagnóstico da situación actual, localizando tódolos aparellos DEA e DESA que existen nos edificios e espazos de uso público do noso termo municipal e sinalando as carencias que se observen neste eido. Unha vez efectuada esta avaliación, o PSOE plantexa na súa iniciativa que se dote progresivamente a tódolos edificios de titularidade municipal dun equipo de desfibrilación automática ou semiautomática, así como a instalación deste tipo de aparellos nos principais espazos públicos da cidade, nos núcleos de centralidade das parroquias e nos vehículos da Policía Local e de Bombeiros.

Unha dotación que, tal e como subliña Iván Puentes, o Goberno Local debe complementar co deseño e implantación «dun sistema de sinalización claro, visible e accesible na rúa, especialmente nos puntos centrais da cidade e de cada barrio ou parroquia, que permita localizar con axilidade os desfibriladores máis próximos a cada un deses puntos». A ubicación deses equipos incorporaríase ademais a Google Maps e ao Mapa Desa Galicia, dispoñible na web do Concello (pontevedra.gal).

Asemade, os socialistas demándanlle ao Goberno do BNG a planificación de campañas educativas e de concienciación cidadá no eido da cardioprotección. «Nomeadamente -explica o portavoz do PSOE-, a organización de obradoiros formativos en técnicas de reanimación cardiopulmonar (RCP) e no uso de desfibriladores automáticos e semiautomáticos, dirixidos tanto a adultos como a mozos/as, en centros educativos, socioculturais, deportivos, asociativos e outros espazos comunitarios».

A moción tamén lle pon deberes nesta materia á Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e o Goberno de España, aos que insta a «instalara progresivamente equipos DEA e DESA en tódolos edificios que estas administracións xestionan no termo municipal de Pontevedra.

A supervivencia podería pasar do 5-10% ao 40% se a reanimación se realizara dentro dos 5 minutos posteriores á parada cardiorrespiratoria

Iván Puentes sinala que «en España se producen cada ano unhas 30.000 paradas cardiorrespiratorias na rúa, cunha supervivencia de entre un 5 e un 10%, unha porcentaxe que podería chegar até o 40% se a reanimación fora realizada dentro dos 5 minutos posteriores á mesma». Con tal motivo, a Fundación Española do Corazón (FEC) está a fomentar a creación de Cidades Cardioprotexidas, en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (Femp) e a Rede Europea de Cidades Saudables, apostando por unha maior dispoñibilidade de desfibriladores externos automatizados na vía pública. «O ideal -aclara Puentes- sería que houbese un por cada 1.000 habitantes, combinando os que se sitúan en dependencias de acceso público e os que se instalan en tótems ou columnas na rúa».

Segundo apunta, «a certificación dunha cidade como espazo cardioprotexido supón unha garantía para que tódalas persoas dispoñan dun desfibrilador en edificios e espazos públicos en perfecto estado de funcionamento». Unha responsabilidade institucional que se ampara no artigo 43.1 da Constitución Española, no que se recoñece o dereito á protección da saúde, polo que os poderes públicos teñen o deber constitucional de tutelar o establecemento de medidas preventivas e prestacións de servizos necesarios para a protección da saúde, e tamén no artigo 12.8 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia, que establece o dereito dos cidadáns ao establecemento de medidas de prevención da enfermidade de probada efectividade e seguridade.

Puentes agradece o apoio unánime amosado a esta moción na Comisión de Benestar Social polos grupos políticos do BNG e o PP, «o que, en principio, garante que toda a Corporación é plenamente consciente da importancia da súa aprobación e posta en marcha, de xeito perentorio: como xa expuxemos, podemos salvar moitas vidas». 

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes