Saltar al contenido

¡Síguenos!

Os socialistas de Pontevedra póñenlle máis deberes á Xunta ante uns orzamentos «raquíticos, monotemáticos e que estrangulan a xeración de emprego e o desenvolvemento industrial da nosa cidade»

  • A batería de emendas que o PSdeG presentará ás contas autonómicas contempla a histórica demanda de crear un Porto Seco no lugar de Leborei (Cerponzóns) e unha partida específica para impulsar o desdobramento da estrada PO-542 á altura da rotonda da Ermida e a súa conexión co polígono do Campiño, así como a compra do antigo asilo de Loureiro Crespo para destinalo á construción da nova residencia universitaria

Pontevedra, 12 de novembro de 2024.- Os socialistas de Pontevedra poranlle máis deberes á Xunta de Galicia ante uns orzamentos que consideran «raquíticos, monotemáticos e que estrangulan a xeración de emprego e o desenvolvemento económico e industrial do noso municipio». Entre outras cuestións, o PSdeG esíxelle ao Goberno do ‘popular’ Alfonso Rueda que contemple nas contas autonómicas para 2025 unha achega específica orientada a impulsar un estudo de viabilidade para a creación dun Porto Seco no lugar de Leborei (Cerponzóns) e outra para facer realidade o desdobramento da estrada PO-542 á altura da rotonda da Ermida, permitindo a conexión co polígono do Campiño. Unhas propostas incluídas dentro da batería de emendas que presentarán ao proxecto orzamentario, entre as que tamén se solicita unha achega económica para a compra do antigo asilo de Loureiro Crespo á congregación relixiosa Hermanitas de los Ancianos Desamparados, co obxectivo de destinalo á construción da nova residencia universitaria.

As iniciativas déronse a coñecer no marco dunha comparecencia protagonizada polo portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e maila parlamentaria Paloma Castro, que tal e como avanzara, tamén levará neste paquete de peticións a demanda dos cartos comprometidos polo PP para a licitación do proxecto de dragaxe do río Lérez, a reurbanización do barrio de Monte Porreiro e a recuperación e restauración ambiental do treito soterrado do río dos Gafos ao seu paso por Campolongo. Non obstante, Puentes centrou a súa intervención nas propostas máis vencelladas «cunha preocupación fundamental do Partido Socialista, que é a promoción económica, a industrialización e o asentamento de empresas en Pontevedra: para iso é esencial dispor de boas infraestruturas viarias e ter chan industrial».

«Pontevedra non ten nestes momentos practicamente nin un só metro cadrado de chan industrial dispoñible -advertiu-, polo que se mañá hai unha grande empresa que quere asentarse no noso termo municipal e xerar emprego e riqueza aquí, temos que dicirlle que non, que non hai espazo».

Á marxe de traballar nunha ampliación do polígono do Campiño «que suporía un pequeno, aínda que insuficiente, balón de osíxeno» (hai 340.000 metros cadrados pendentes de executar na parroquia de Marcón, comprometidos pola Xunta desde o ano 2015), o líder do PSOE defende que Pontevedra «debe dotarse dunha nova bolsa de solo industrial que lle permita afrontar os asentamos de empresas durante os vindeiros 20 ou 30 anos e que o Concello poida manter unha política activa de captación de industria». «Por iso, presentaremos, a través da deputada Paloma Castro, unha emenda para a redacción dun estudo de viabilidade para a xeración desa bolsa de chan industrial na zona de Leborei, en Cerponzóns, que baixo o noso punto de vista reúne tódolos criterios que debe ter un chan industrial de primeiro nivel: unha orografía que non esixiría grandes esforzos económicos, un porto seco de case 500.000 metros cadrados sen vivendas (polo tanto, sen posibles afectacións a casas) e unha conectividade óptima (directa coa autoestrada AP-9, coas estradas de Vilagarcía e Santiago e coa liña ferroviaria do Eixo Atlántico, o que faría posible unir Leborei co Porto de Marín e co resto de Galicia e a meseta). Coido -afirmou Puentes- que sería a mellor zona industrial da provincia».

Precisamente, as deficitarias conexións directas do polígono do Campiño con vías de alta capacidade son o motivo de que os socialistas lle plantexen á Xunta «unha solución facilísima: está a piques de rematarse a obra do primeiro treito da A-57 entre Vilaboa e o novo nó da Ermida (Marcón), que finaliza a dous kilómetros do polígono industrial do Campiño, é dicir, quedaríannos escasamente dous kilómetros da PO-532 (que une Pontevedra con Ponte Caldelas) para desdobrar e ter esa conexión directa coa autoestrada do Atlántico e co resto da rede viaria de alta capacidade de Galicia e de España».

Ante os plans do PP de desmantelar o Hospital Provincial, outra proposta que Iván Puentes considera vital recoller nos orzamentos autonómicos é a compra do antigo asilo de Loureiro Crespo para destinalo a residencia universitaria, deixando así as instalacións do Provincial para uso socio sanitario. Puentes subliñou que se trata dun edificio totalmente inutilizado nestes momentos e cunha comunidade relixiosa «que ten manifestado a súa vontade de vendelo», o que sería factible cun «acordo a tres bandas entre a Xunta (que sería quen comprase o equipamento), a Universidade (que se encargaría de rehabilitalo e equipalo como residencia) e o Concello de Pontevedra (que ademais de facilitar os trámites administrativos, realizaría a urbanización dun parque público de 6.700 metros cadrados, o maior do centro da cidade)». «Todo isto ademais sen necesidade de facer ningún tipo de cambio de uso no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), posto que ese chan xa está cualificado como equipamento público», aclarou.

Pavillón de ximnasia na Parda e posta en funcionamento dunha vivenda de acollida para vítimas de violencia de xénero, entre as demandas

Entre os proxectos que os socialistas botan en falta nos orzamentos para Pontevedra e que serán rexistrados como emendas figuran ademais a mellora do Camiño Portugués ao seu paso polo concello e a rehabilitación da ponte histórica de Ponte Sampaio e a de San Caetano (en Alba), así como o estudo de viabilidade para unha nova cidade deportiva, a dotación dun pavillón de ximnasia na Parda, a creación dunha pista de slálom de piragüismo en Verducido e a construción dunha infraestrutura para unha escola de piragüismo na praia fluvial do Lérez.

A redacción do Plan de Usos do Hospital Provincial, a asunción do persoal da Unidade de Atención ás Drogodependencias (UAD) por parte do Sergas e a posta en funcionamento dunha vivenda de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero son outras das demandas que os socialistas solicitarán para os vindeiros orzamentos, entre as que tamén se contempla o plan para acabar cos asolagamentos da rúa Padre Fernando Olmedo mediante a creación de balsas de inundables no rego de Valdecorvos.

Segundo explicou Paloma Castro, o Parlamento Galego acollerá na vindeira semana o primeiro debate de orzamentos «e desde o Grupo Parlamentario Socialista rexistramos unha emenda á totalidade, ao entender que estas contas son as que Rueda quere, pero non as que Galicia necesita». Na súa opinión, «o PP está a facer con este orzamento un xogo de trilerismo ao puro estilo do clásico ‘onde está a boliña?’, tildando de histórico un suposto incremento que en realidade segue a mesma liña de contención de sempre, xa que unicamente crecen o mesmo que o IPC (o custe da vida) e non serven para mellorar os problemas dos galegos e galegas».

«Se Rueda pensara na meirande parte dos galegos -sinalou Castro- eliminaría os 500 millóns en bonificacións aos impostos sobre o patrimonio ou poría o foco nos grandes problemas desta comunidade, como o desenvolvemento industrial ou a situación de emerxencia habitacional en moitas partes do país, entre elas Pontevedra. Non esquezamos que as competencias en materia de Vivenda son da Xunta e nesta década non as exerceu. Neste eido, os socialistas propoñemos a creación dun fondo de 25 millóns para alugueiro social e outro de 130 millóns para axudas ao acceso á vivenda».

A parlamentaria do PSdeG criticou que á Xunta «se lle encha a boca pedindo a gratuidade da autoestrada AP-9, mentres as autoestradas autonómicas seguen a ser de pago» e indicou que os socialistas propoñen unha partida de 30 millóns de euros na súa emenda transversal para acadar a gratuidade das vías galegas. Tralo último asasinato machista acontecido en Baiona, Paloma Castro lembrou que «Pontevedra e Santiago son as únicas cidades de Galicia que carecen de vivendas de acollida para vítimas de violencia machista», polo que o PSOE tamén plantexará como emenda a sinatura urxente dun convenio coa Xunta para impulsar a súa creación (proposta xa levada e aprobada no Pleno da Corporación).

Para Castro, «o señor Rafa Domínguez imita esa política de trilerismo de Rueda, falando dun orzamento histórico que se centra en exclusiva no Hospital de Montecelo, que leva 14 anos de atraso, e que deixa o resto do investimento para Pontevedra en tan só 5 millóns de euros».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes