O PSOE de Pontevedra sostén que a publicación das actas electorais é un «paso previo necesario para que en Venezuela se produza unha transición pacífica cara a unha democracia plena e se garanta que resulta investido o presidente lexitimamente electo»
- Os socialistas emendan a proposta de acordo que o PP levará ao vindeiro Pleno, solicitando que España lidere, diante da Unión Europea, «a esixencia de publicación das actas, nas que segundo tódolos indicios, o triunfo correspondeu ao candidato Edmundo González». «Unha esixencia de transparencia democrática ineludible e imprescindible -subliñan- para poder cualificar as últimas eleccións como libres e transparentes»
- Tanto as propostas que serán defendidas na vindeira sesión plenaria como o apoio da Agrupación Socialista ás reivindicacións da comunidade venezolana de Pontevedra foron expresadas esta tarde nunha reunión que a secretaria xeral do partido, Maica Larriba, e o seu portavoz municipal, Iván Puentes, mantivo con membros do colectivo Asovedra
Pontevedra, 18 de setembro de 2024.- A Executiva da Agrupación Socialista de Pontevedra considera que España debe liderar, diante da Unión Europea, a demanda para que o actual Goberno de Venezuela publique as actas das eleccións, nas que, segundo tódolos indicios, o triunfo correspondeu ao candidato Edmundo González. Para o PSOE, trátase dunha «esixencia de transparencia democrática ineludible e imprescindible para poder cualificar as últimas eleccións como libres e transparentes», que debe ser, tamén, «o paso previo necesario para que en Venezuela se produza unha transición pacífica do país cara a unha democracia plena, na que se garanta que resulta investido o presidente lexitimamente electo».
Un posicionamento que os socialistas de Pontevedra, a través do seu Grupo Municipal, trasladarán ao vindeiro Pleno da Corporación e que xa avanzaron mediante o rexistro de diversas emendas á proposta de acordo presentada polo PP. Entre elas, plantéxase a modificación do primeiro punto da moción dos ‘populares’, na que se lle demanda ao Goberno de España que lidere o recoñecemento de Edmundo González como presidente electo lexítimo de Venezuela, matizándoo cunha redacción que enfatiza, como esixencia de transparencia democrática irrenunciable, que o Goberno de Maduro faga públicas as actas electorais.
Ademais, o PSOE propón outras dúas emendas de adición: unha para que a Corporación Municipal manifeste o seu apoio e adhesión «a tódalas iniciativas de protesta pacífica organizadas pola oposición venezolana e polos exiliados residentes no noso país, nas que se reclame o fin da represión, o inicio dun proceso de transición cara a democracia e un plan de recoñecemento e respecto aos resultados electorais en Venezuela»; e outra para que o Concello de Pontevedra traslade a súa satisfacción porque se garantira a integridade de Edmundo González, sobre o que pesa unha inxustificable orde de arresto, «así como o apoio á decisión do Goberno de España de atender a súa petición de saír de Venezuela, acolléndoo primeiro na Embaixada de España en Caracas e concedéndolle posteriormente o asilo político».
O portavoz municipal, Iván Puentes, agarda «que o PP de Pontevedra se afaste de posturas irresponsables e hipócritas que só buscan instrumentalizar a crise de Venezuela e que unicamente contribúen a crispar máis a grave situación que atravesa este país, sen achegar ademais ningún tipo de solución». Non obstante, ámbolos partidos coinciden en condenar a política de criminalización das protestas exercida polo réxime de Maduro, así como en esixirlle o cese inmediato da represión contra líderes de partidos opositores, activistas de dereitos humáns, sindicalistas, xornalistas, testemuñas electorais…
Tanto as propostas que serán defendidas na vindeira sesión plenaria como o apoio da Executiva Socialista ás reivindicacións da comunidade venezolana foron expresadas esta tarde nunha reunión que a secretaria xeral do partido, Maica Larriba, e o propio Iván Puentes mantiveron na sede de Irmáns Nodales con membros da Asociación de Venezolanos en Pontevedra (Asovedra), e na que tamén estivo presente a concelleira Yoya Blanco.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS