Ampliado ata o 30 de abril o prazo para solicitar as bolsas de estudo de inglés en Irlanda da Deputación da Coruña
Desde o PSdeG destacan que esta ampliación do prazo permitirá que máis estudantes poidan optar a este programa pioneiro
O programa xa espertou un grande interese, con máis de 70 solicitudes rexistradas ata o momento. “É fundamental dar marxe á participación, especialmente en iniciativas que promoven a igualdade e o futuro da nosa xuventude”, sinalan dende o PSdeG.
Os socialistas subliñan que este programa, que ofrece 60 prazas para alumnado de 1º de Bacharelato, constitúe “un exemplo claro de políticas públicas útiles”, ao financiar o 100% da estadía de catro semanas en Irlanda, sen custo para as familias. “Falamos dun investimento que elimina barreiras económicas e permite que o talento non dependa da renda”, engaden.
A convocatoria está especialmente orientada á mocidade dos concellos máis pequenos da provincia, contribuíndo a combater desigualdades territoriais.
“Este tipo de iniciativas son as que constrúen unha Galicia máis xusta, formada e con proxección internacional”, conclúen desde o partido, animando á mocidade a presentar a súa solicitude antes do novo prazo límite do 30 de abril.
RRSS