Skip to content

Galego

¡Síguenos!

A Deputación da Coruña organiza a III Xornada sobre a Brecha de Xénero no Deporte no marco do 8M

O deputado provincial socialista e responsable da área de Deportes, Antonio Leira, destacou o compromiso da Deputación coa igualdade real no deporte coa celebración, o vindeiro 5 de marzo no INEF de Bastiagueiro, da III Xornada sobre a Brecha de Xénero no Deporte, enmarcada nas actividades do 8M.

Leira subliñou que “desde o PSdeG temos claro que o deporte é unha ferramenta fundamental para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria. Non podemos falar de igualdade plena mentres existan diferenzas en visibilidade, oportunidades, recursos ou recoñecemento”.

Neste sentido, destacou que a Deputación da Coruña “está a liderar políticas públicas que reforzan o apoio ao deporte feminino, fomentan a práctica deportiva entre as nenas e mozas e promoven referentes femininos en todos os niveis”.

A xornada contará coa participación da xornalista Lucía Dávila, da profesora da Universidade de Vigo Marian Fernández Villarino, e cunha mesa redonda na que intervirán Miriam Ríos, Lino López, Mado González e Alejandra Martín, que abordarán os principais retos pendentes para avanzar cara a unha igualdade efectiva no deporte.

O deputado socialista animou á cidadanía a participar nesta iniciativa aberta ao público, que consolida o papel da Deputación como referente na defensa da igualdade tamén no ámbito deportivo.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes