A Deputación da Coruña convoca 48 bolsas de investigación e perfeccionamento artístico por 480.000 euros
O Grupo Provincial Socialista lembra que a Deputación da Coruña acaba de publicar as bases da convocatoria de bolsas destinadas a apoiar aos mozos e mozas da provincia na realización de proxectos de investigación e no perfeccionamento dos seus estudos artísticos durante o curso 2026-2027. Trátase dunha aposta firme pola formación, pola creación de oportunidades e polo fomento do talento, cun investimento global de 480.000 euros.
Nesta edición, a Deputación convoca un total de 48 bolsas dotadas con 10.000 euros cada unha, consolidando así o seu compromiso coas persoas novas e co impulso ao coñecemento e á cultura. Nos últimos anos o Goberno provincial aumentou tanto o número de bolsas —que pasaron de 40 a 48— como a súa contía, que se elevou de 8.000 a 10.000 euros por bolsa.
Desde o PSdeG-PSOE na Deputación destacan que esta convocatoria “demostra con feitos o compromiso do Goberno provincial coa igualdade de oportunidades e co futuro da mocidade coruñesa”, reforzando unha liña de traballo centrada no apoio ao talento, á educación pública e á cultura.

20 bolsas de investigación
Con esta convocatoria, ponse á disposición da mocidade coruñesa 20 bolsas de investigación, que teñen como obxectivo apoiar proxectos en diversos ámbitos do saber, dende as ciencias da saúde ata as ciencias sociais, xurídicas, humanidades, ciencias e enxeñaría. Estas bolsas permitirán ás persoas beneficiarias desenvolver un traballo de investigación durante un período mínimo de nove meses.
Poden optar a elas persoas con titulación universitaria, menores de 36 anos e cunha residencia en calquera concello da provincia da Coruña.
28 bolsas de perfeccionamento artístico
Paralelamente, a Deputación convoca 28 bolsas de perfeccionamento artístico, destinadas a facilitar a formación especializada fóra da comunidade autónoma de Galicia. Estas axudas financiarán estudos en áreas coma audiovisual, danza, ilustración e artes plásticas, música e teatro, permitindo que estudantes e artistas da provincia completen a súa preparación en centros de alto nivel.
Ao longo dos anos, estas bolsas permitiron que decenas de mozas e mozos da provincia mellorasen a súa formación en cidades como Madrid, Barcelona, Granada ou Valencia, así como en centros internacionais nos Estados Unidos ou Europa.
Prazo de solicitudes
O prazo para presentar solicitudes estará aberto desde o 16 de marzo ata o 16 de abril de 2026.
RRSS