Ábrese prazo para solicitar as axudas para asociacións veciñais e de mulleres
- A presentación de solicitudes está aberta ata o luns 16 de febreiro a través da sede electrónica da Deputación.
- Poderán beneficiarse entidades localizadas en concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia.
- As actuacións subvencionables deberán centrarse na celebración de actividades que fomenten a participación social, especialmente no rural.
O grupo provincial do PSdeG-PSOE na Deputación da Coruña puxo en valor a nova convocatoria de axudas destinada a asociacións veciñais e de mulleres, dotada con 225.000 euros, como unha mostra do compromiso do goberno progresista coa dinamización social e económica do rural.
A liña está dirixida a entidades sen ánimo de lucro de concellos de menos de 50.000 habitantes e financiará actividades que fomenten a participación cidadá, o empoderamento das mulleres, o envellecemento activo e a cohesión social ao longo de 2026. O obxectivo é fortalecer o tecido asociativo como motor de desenvolvemento e loita contra o despoboamento.
A deputada socialista, Cristina Capelán, destacou que “apoiar ás asociacións é reforzar a vida comunitaria e xerar oportunidades nos nosos concellos, especialmente nos máis pequenos”, reafirmando o compromiso da Deputación cun rural vivo, activo e con futuro.
As solicitudes deberán tramitarse por vía telemática a través da plataforma SUBTEL ata o 16 de febreiro.
RRSS