O PSdeG destaca o compromiso da Deputación da Coruña co rural a través da nova Biblioteca Rural de Nogueirosa
O PSdeG de Pontedeume puxo en valor o apoio da Deputación da Coruña á creación dunha Biblioteca Rural en Nogueirosa, unha iniciativa que contribúe a achegar a cultura, a lectura e a tecnoloxía ao rural e a reducir as desigualdades entre o territorio urbano e o rural.
A deputada provincial socialista, Cristina Capelán, visitou as instalacións da nova biblioteca no local social da Asociación de Veciños de Nogueirosa, acompañada polo alcalde de Pontedeume e deputado provincial, Bernardo Fernández, e polo concelleiro de Novas Tecnoloxías, Joshua Dopico. Durante a visita, destacaron a importancia de iniciativas deste tipo para reforzar a cohesión social e garantir servizos básicos no rural.
A actuación contou cunha subvención da Deputación da Coruña de 2.306,65 euros, que permitiu dotar o espazo de mobiliario específico e equipamento informático, transformando o local social nun punto de acceso á cultura e aos recursos dixitais para toda a veciñanza.
“Este tipo de investimentos amosan unha clara aposta da Deputación por un rural con futuro, no que vivir non signifique ter menos oportunidades ca nas cidades”, subliñou Capelán quen tamén salientou que “o acceso á cultura e á tecnoloxía debe ser un dereito garantido, independentemente do lugar no que se viva”, e valorou positivamente que a institución provincial apoie proxectos que fortalecen a vida comunitaria.
A nova Biblioteca Rural permitirá ordenar e ampliar o fondo bibliográfico existente, facilitar o préstamo de libros e desenvolver actividades formativas e accións de alfabetización dixital, especialmente dirixidas ás persoas maiores. Unha iniciativa que reforza o papel dos locais sociais como espazos de encontro e participación, e que exemplifica a importancia do papel da Deputación da Coruña no apoio ao rural.
RRSS