Formoso destaca unha Deputación forte que inviste 13,4 millóns para mellorar os servizos sociais na provincia
O PSdeG pon en valor a forza da Deputación da Coruña como motor de cohesión social e territorial na provincia, tras o peche das convocatorias de axudas de Política Social para 2026, que recibiron máis de 330 solicitudes e mobilizarán 13,4 millóns de euros para concellos e entidades sociais.
A deputada socialista de Política Social, Mar García, destacou que estes datos “amosan a utilidade dunha Deputación forte, comprometida coa mellora da calidade de vida da veciñanza e coa defensa dos servizos públicos de proximidade, especialmente nos concellos con menos recursos”.

Desde o PSdeG subliñan que estas axudas permiten reforzar os servizos sociais comunitarios, apoiar o envellecemento activo, garantir coidados dignos ás persoas maiores e acompañar ás entidades sociais que traballan cos colectivos máis vulnerables. “Falamos de investimento social real, que se traduce en máis profesionais, máis atención e máis igualdade en toda a provincia”, sinalou García.
Os socialistas reivindican así o papel da Deputación da Coruña como ferramenta clave para equilibrar o territorio e avanzar nun modelo de provincia máis xusta, cohesionada e con oportunidades para todas e todos, fronte a quen cuestiona a utilidade das institucións provinciais.
RRSS