Rosa Ana García destaca o compromiso da Deputación coa inclusión social e a defensa do medio mariño a través de AMICOS
A Deputación da Coruña, a través da Deputada de Industria e Emprego e Medio Ambiente, Rosa Ana García, destacou o compromiso da institución cos proxectos de activismo ambiental mariño e inclusión social impulsados pola Asociación AMICOS, durante o acto de clausura das iniciativas Labmar e Cabalga celebrado no Auditorio Municipal de Ribeira.
A deputada socialista recolleu un recoñecemento á Deputación polo seu apoio continuado á entidade, subliñando a súa aposta por políticas públicas que combinan creación de emprego, autonomía persoal e protección do medio mariño.

“AMICOS representa un modelo de inclusión e sustentabilidade que só é posible cando as institucións públicas están ao lado do terceiro sector, xerando oportunidades reais e avanzando cara a unha sociedade máis xusta e cohesionada”, sinalou a deputada socialista.
Desde o PSdeG lembran que a Deputación da Coruña vén apoiando a AMICOS a través de distintas liñas de subvención destinadas á activación sociolaboral, ao acompañamento ao emprego de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión, así como a proxectos de investimento social como Horizonte Autónomo, centrado na promoción da vida independente.
“A defensa do medio mariño e a inclusión social forman parte dunha mesma visión de futuro sostible e solidario”, concluíu Rosa Ana García.
RRSS