Formoso anuncia que a Deputación colaborará con 300.000 euros na construción do novo centro integral de rehabilitación de dano cerebral de Adaceco en Eirís

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, anunciou unha achega de 300.000 euros para a construción do novo centro integral de rehabilitación de dano cerebral de Adaceco en Eirís, un proxecto estratéxico que permitirá ofrecer atención especializada a arredor de 40 persoas.
Durante unha visita ás obras, que se atopan nunha fase moi avanzada, Formoso destacou o compromiso da Deputación coa protección social e co apoio ás entidades sen ánimo de lucro, subliñando a importancia da colaboración institucional para reforzar o sistema público de benestar.
O novo centro, cun investimento total superior aos 2 millóns de euros, contará cun modelo de atención integral e tecnoloxía punteira en neurorehabilitación. Ademais da achega provincial, o proxecto conta con financiamento doutras administracións, da iniciativa social e de fondos propios da entidade.
A Deputación da Coruña mantén unha colaboración continuada con Adaceco, apoiando o funcionamento dos seus servizos e contribuíndo á mellora da atención ás persoas con dano cerebral adquirido e ás súas familias en toda a provincia.
Unha colaboración continuada coa acción social
A Deputación da Coruña mantén unha traxectoria consolidada de colaboración con Adaceco, apoiando tanto o funcionamento dos seus servizos como a mellora de infraestruturas, a adquisición de equipamento e o transporte adaptado. Ademais do apoio ao novo centro de Eirís, a institución provincial mantén unha liña estable de subvencións a entidades sociais para garantir a continuidade e calidade dos servizos que prestan.
Estas achegas reforzan o compromiso da Deputación cun modelo de políticas públicas centrado nas persoas, na igualdade de oportunidades e no fortalecemento do sistema público de benestar, recoñecendo o papel esencial que desempeñan entidades sociais como Adaceco no ámbito sociosanitario da provincia.
RRSS