Formoso, sobre os 110,36 millóns que a Deputación adicará directamente aos concellos en 2026: “É a nosa razón de ser”
- O presidente socialista da institución provincial presentou o orzamento para o vindeiro ano, de 256,5 millóns de euros en total
A Deputación da Coruña presentou o seu orzamento para 2026, que ascende a 256,5 millóns de euros. Trátase da cifra máis elevada da historia da institución provincial e supón un incremento do 6,67% respecto ao exercicio anterior.
Trátase dun orzamento expansivo, solvente e que mantén por décimo ano consecutivo a débeda cero e que impulsa o modelo de progreso, cohesión territorial e aposta polo municipalismo que a corporación vén desenvolvendo durante a última década.
As contas forón aprobadas no pleno extraordinario do pasado venres. O presidente socialista da institución, Valentín González Formoso, foi o encargado de presentar os presupostos.
Formoso destacou que estes orzamentos “representan unha ferramenta de previsibilidade imprescindible para os concellos da provincia, que saberán con antelación que recursos recibirán da Deputación e poderán planificar con seguridade, a partir do 1 de xaneiro, os seus investimentos e servizos”.
Subliñou ademais que, a pesar do forte incremento das partidas sociais e dos investimentos estratéxicos, a institución mantén “débeda cero, taxas e prezos públicos conxelados e a capacidade de pagar as facturas nunha media de dez días, demostrando que os gobernos de progreso tamén son xestores eficaces”.
Un modelo de provincia que funciona
O documento económico amosa con claridade o proxecto político que a Deputación da Coruña vén consolidando desde 2015: un modelo de provincia que combina benestar social, creación de emprego, innovación, defensa da autonomía municipal e cohesión territorial. Un modelo que afronta o reto que supón o despoboamento do rural o e que reforza por igual o rural e as cidades.
Do total do orzamento, 110,36 millóns de euros destínanse directamente aos concellos da provincia. Deles, 88 millóns —máis dun terzo do total das contas— corresponden á dotación inicial do Plan Único (POS+2026) e 22,3 millóns ao conxunto de subvencións directas aos municipios, que permiten financiar a contratación de persoal técnico de cultura, deporte, servizos sociais ou turismo, xerando arredor de 1.600 empregos directos.
A Deputación mantén así a súa posición como a administración galega que máis inviste directamente nos concellos, cun volume que hoxe supera amplamente o destinado pola Xunta ao conxunto dos 313 municipios a través do Fondo Galego de Cooperación Local.
O Plan Único volve ser o gran protagonista dos Orzamentos e sitúase en 2026 nos 88 millóns de euros de orzamento inicial, cun incremento do 2,36%. Dentro desta cifra inclúense 8 millóns para o POS Social, un millón máis que o ano anterior.
Dende 2017, máis de 812 millóns de euros foron investidos a través deste plan e permitiron executar 4.600 obras en toda a provincia. É, con diferencia, o maior plan de cooperación municipal das catro deputacións galegas e un dos máis potentes de España.
“Co Plan Único fomos pioneiros en 2016 nun modelo que puxo aos concellos no centro e converteu a Deputación no maior axente inversor no rural galego”, destacou González Formoso. “Hoxe, investimos entre tres e catro veces máis nos concellos que hai dez anos”.
Todas as subvencións para concellos de 2026 —que suman 22,3 millóns e xeran 1.600 empregos— foron ademais convocadas de maneira anticipada xa este ano, reforzando a seguridade e previsibilidade financeira dos concellos.
A Deputación da Coruña reforza tamén o seu compromiso social cun investimento global de 35,5 millóns de euros en benestar e igualdade, convertendo este ámbito na segunda gran prioridade do orzamento, só por detrás do apoio directo aos concellos.
“Cando chegamos ao goberno, hai dez anos, a área de servizos sociais contaba con 7 millóns de euros de orzamento; en 2026 roza xa os 36 millóns”, explicou o presidente, que detallou que nesta área se inclúe o Plan de Servizos Sociais Comunitarios, o financiamento de 400.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar dos Concellos e a contratación de 180 profesionais da área social, ou os programas de igualdade e envellecemento activo, que se extenden a todos os concellos de menos de 10.000 habitantes.
Un dos grandes piares sociais de 2026 é o desenvolvemento das Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM), un novo modelo de residencias da terceira idade, composto por centros de proximidade que ofrecen apoio profesional, programas de acompañamento, socialización, estimulación cognitiva e atención personalizada ás persoas maiores. A primeira CAM, situada en As Pontes, ten un investimento programado de 5,7 millóns. As seguintes abriranse en Rianxo e Ordes.
Un dos grandes anuncios vinculados ao orzamento 2026 é a implantación das cláusulas demográficas, que se incorporarán por primeira vez nunha licitación pública en Galicia e que buscan que determinados servizos se presten desde concellos con risco de despoboamento sempre que sexa tecnicamente posible.
Valentín González Formoso aclarou que “esta medida é radicalmente innovadora e rezuma xustiza por todas partes. A contratación pública é unha ferramenta inmensa para combater o despoboamento, pero ata agora non se empregou así. Como quen ten as competencias non o fai, nós botamos a andar”.
O socialista puxo como exemplo o servizo de teleasistencia, que atende a 4.500 persoas maiores de 65 anos que viven soas. “Hoxe préstase desde unha nave en Pocomaco”, explicou o presidente. “Pero é un servizo que pode prestarse desde A Coruña, Bruxelas, Mañón ou Coristanco. Por que non aproveitar que unha empresa poida instalarse nun concello pequeno e transformar o seu mercado laboral? Para un concello pequeno instalar un servizo como este e crear 30 empregos ten un impacto importante”, explicou.
Estas cláusulas abrirán a porta a que novos servizos —tanto existentes como futuros— se presten desde o rural, xerando emprego estable e contribuíndo a fixar poboación no rural.
O PEL supera os 166 millóns investidos
O Plan de emprego local (PEL) conta cunha dotación de 16,37 millóns en 2026. Dende 2016, a Deputación leva investidos 166 millóns nesta área, que permitiron crear máis de 8.000 empregos e apoiar a máis 3.000 empresas. Ademais, 260 proxectos emprendedores naceron na Rede de Coworkings.
O PEL é o maior plan de emprego impulsado por unha administración local en Galicia e un instrumento clave contra o despoboamento, con novas liñas priorizadas para apoiar persoas autónomas con máis de cinco anos de actividade en concellos rurais.
No ámbito audiovisual, o Coruña Estudio Inmersivo (CEI) vivirá en 2026 “o seu verdadeiro despegue”, en palabras de González Formoso. O CEI aspira a situar a provincia como “referente tecnolóxico e creativo no audiovisual galego e español”, sinalou o presidente.
Formoso anunciou tamén que en 2026 abriranse as dúas primeiras sedes provinciais fóra da capital: unha en Ferrol e outra en Santiago. Estes espazos, “que se licitarán por concorrencia pública”, dixo Formoso, acollerán oficinas de xestión tributaria e outros servizos, como auditorio, sala de exposicións ou coworkings, achegando a Deputación á cidadanía.
O presidente socialista concluíu sinalando que “2026 será un ano activo, cheo de novidades e proxectos. Un ano no que a Deputación seguirá demostrando que é posible apostar pola igualdade, pola cultura, pola protección social, polos concellos e pola innovación mantendo unha xestión eficaz e rigorosa”.
RRSS