Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

A Deputación da Coruña apoia ao comercio local co lanzamento dos bonos MercaNaVila

  • O presidente socialista da institución, Valentín Formoso, visitou Noia para coñecer de primeira man o impacto do programa, que reparte descontos de ata 100€ para empregar en xa máis de 900 establecementos

A Deputación da Coruña anima á cidadanía a descargar desde hoxe os bonos MercaNaVila, dispoñibles na web www.mercanavila.gal, cos que se poden obter descontos de ata 100 euros por persoa para realizar compras nos pequenos comercios dos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia.

O socialista Valentín González Formoso, presidente da institución, visitou Noia na compaña do alcalde socialista do municipio Francisco Pérez e mais o seu homólogo boirense José Ramón Romero para coñecer de primeira man o impacto do programa, que busca apoiar o comercio local.

O presidente percorreu varios establecementos da vila, acompañado tamén de edís do Goberno local e da xerente da asociación de comerciantes Noia Histórica, Belén Arróniz.

“Queremos que a cidadanía se sume masivamente a esta iniciativa. MercaNaVila é unha oportunidade para aforrar nas compras e, ao mesmo tempo, apoiar aos pequenos establecementos aos que estamos tan apegados, os que manteñen viva a economía e a vida das nosas vilas. Cada compra é unha aposta polo emprego local e pola cohesión social das nosas vilas”, destacou Formoso.

“A Xunta destina 7,5 millóns de euros a programas similares en toda Galicia, mentres que a Deputación inviste 6 millóns só na provincia da Coruña e exclusivamente en concellos de menos de 20.000 habitantes. Iso dá unha idea da magnitude e da aposta que supón este programa pola economía de proximidade”, engadiu.

Pola súa banda Francisco Pérez, destacou “a sensibilidade da Deputación e do seu presidente con sectores que o precisan, como é o caso do comercio”. Subliñou que este sector é “un dos principais motores económicos de Noia” e lembrou que o seu municipio é o que máis establecementos ten adheridos á campaña MercaNaVila.

Por outra banda, José Ramón Romero afirmou que “a Deputación, aínda que non teña competencias en materia de comercio, está aí”. Cualificou como “un éxito que se destinen 6 millóns de euros a apoiar o comercio local dos concellos pequenos da provincia” e animou a que se lle dea continuidade a esta campaña en anos vindeiros.

Pérez e Romero coincidiron tamén no esforzo dinamizador que farán dende os seus municipios para que esta iniciativa chegue á maior cantidade de poboación posible, así como animaron aos seus veciños e veciñas, como a todos os residentes da provincia, a descargar os bonos.

A excelente acollida da campaña levou á Deputación a ampliar o prazo de inscrición dos comercios que desexen participar ata o 20 de novembro, cando finalizará a campaña. Ata o momento, máis de 900 establecementos de toda a provincia xa se adheriron á iniciativa, 82 deles en Noia, o que demostra o dinamismo do sector comercial da vila e o interese do tecido económico local por formar parte do programa.

“O pequeno comercio é un motor esencial das vilas: xera emprego e dá vida ás rúas. Nos últimos anos sufriu moito, e dende a Deputación queremos estar ao seu carón con medidas útiles e directas”, afirmou Formoso, quen lembrou que nas últimas dúas décadas “a provincia perdeu preto de 1.900 tendas e comercios, unha media de unha ao día, o que nos obriga a actuar e a apoiar con decisión a quen sostén a economía das nosas vilas”.

O presidente agradeceu tamén a colaboración da Federación Galega de Comercio, presidida por José María Seijas, e destacou o papel das asociacións locais, como Noia Histórica, na dinamización das vilas e na creación de sinerxías entre administracións e pequenos empresarios.

“O comercio é a vida das cidades e vilas: onde hai comercio hai actividade, emprego, turismo… Con MercaNaVila buscamos fortalecer ese tecido esencial que mantén vivas as vilas da nosa provincia”, indicou.

Os bonos, que se aplicarán automaticamente en forma de desconto directo de entre 5 e 15 euros por compra segundo o importe, estarán dispoñibles desde hoxe, 20 de outubro, ata o 20 de novembro ou ata esgotar o orzamento total dispoñible.

As persoas que residen nas cidades poden tamén descargar o bono, aínda que deberán realizar as súas compras nos comercios dos concellos máis pequenos para beneficiarse dos descontos.

Os comercios interesados en participar poden inscribirse aínda a través da plataforma habilitada en www.mercanavila.gal, onde atoparán toda a información e condicións da campaña.

A Deputación estima que o programa permitirá mobilizar ata 25 millóns de euros en vendas, contribuíndo de forma directa a reactivar o consumo, apoiar ás pequenas empresas locais, crear emprego e favorecer a fixación de poboación nos concellos rurais.

“MercaNaVila é unha medida económica, pero tamén social. Non só dinamiza o consumo, senón que impulsa o orgullo de mercar na túa vila, de apoiar ao teu veciño e de contribuír ao futuro do teu concello”, concluíu Formoso.


Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes