Bernardo Fernández Piñeiro participa no Congreso de UGT Servizos Públicos Galicia reivindicando “unha sociedade de iguais, onde ninguén quede atrás”
– O secretario xeral do PSdeG da Provincia da Coruña e deputado provincial participou na inauguración do Congreso e celebrou a nova etapa da organización baixo o liderado de Cristóbal Medeiros
O secretario xeral do PSdeG Provincial da Coruña, Bernardo Fernández, participou en Santiago de Compostela na inauguración do II Congreso Nacional Ordinario de UGT Servizos Públicos Galicia.
Interviu como portavoz do Goberno da Deputación da Coruña, destacando a importancia de blindar os servizos públicos como garantes da igualdade de oportunidades, a cohesión social e a dignidade das persoas.
Durante a súa intervención, Bernardo Fernández quixo felicitar á organización sindical pola celebración do congreso e trasladou o seu recoñecemento á nova executiva galega liderada por Cristóbal Medeiros, recentemente elixido secretario xeral.
Para Fernández Piñeiro, esa elección supón un cambio xeracional “cheo de forza, ilusión e proxectos novos, mais sustentado na solidez ideolóxica que avalan máis de 135 anos de historia e loita sindical”.
O socialista subliñou que a sociedade actual enfróntase a retos complexos como a dixitalización, o envellecemento poboacional ou o despoboamento do rural, que afectan directamente aos servizos públicos.
Nese contexto, valorou como “moi acertado” o lema do congreso, “Afrontar os cambios”, e defendeu unha resposta firme desde o público: “Desde a nosa visión, os servizos públicos non son un gasto: son unha garantía de equidade e xustiza social, sexa cal sexa o lugar no que viva unha persoa ou a súa situación económica”.
Fernández Piñeiro insistiu na necesidade de apostar por investimentos decididos en sanidade, educación, coidados, transporte público ou vivenda accesible, especialmente para a mocidade. “Un Estado social non se constrúe con discursos baleiros, senón con políticas públicas valentes”, sinalou.
Tamén advertiu das consecuencias dos recortes e da privatización impulsados pola dereita, e defendeu o modelo de servizos públicos universais, gratuítos e de calidade polo que levan décadas loitando desde a UGT.
“O que está en xogo non é só a calidade dun servizo, senón o modelo de sociedade que queremos. Nós apostamos por unha sociedade de iguais, onde ninguén quede atrás e onde os dereitos non dependan da conta bancaria ou do código postal”, concluíu.
Finalmente, reivindicou a dignificación do emprego público, lembrando que detrás de cada servizo hai profesionais “entregados e comprometidos, sen os cales o público non funciona”. E desexou “moita sorte e acertos” á nova executiva que sairá do congreso.

RRSS