Rey Varela presume de pagar antes, pero non goberna e contrata moito menos
“Baixar o PMP deixando de contratar non é boa xestión, é abandono disfrazado de eficienciaˮ Rafael Fernández Beceiro, concelleiro socialista
Ferrol, 8 de maio de 2025.- O Grupo Municipal Socialista de Ferrol denuncia que o goberno de Rey Varela utiliza os datos do Período Medio de Pago (PMP) como escusa para ocultar a súa absoluta falta de xestión. Segundo o informe de Tesourería do primeiro trimestre de 2025, o PMP situouse en 27,60 días. Pero esta cifra non é froito dunha mellor eficiencia administrativa, senón consecuencia directa da parálise total dun goberno que non move un só proxecto propio.
O PMP é o indicador que mide o número medio de días que tarda o Concello en pagar unha factura dende que entra no rexistro. É dicir, é o tempo que un provedor debe agardar para cobrar polo servizo prestado ou pola obra realizada. Por iso, un PMP baixo só ten valor real cando vai acompañado de actividade económica e execución orzamentaria.
Ferrol leva meses sen que se execute unha soa obra impulsada por este goberno. Non hai licitacións, non hai contratacións, non hai investimento real. Só hai anuncios semanais baleiros, deseñados para saír na portada dos xornais, pero que non se traducen en acción nin en resultados para a cidade.
Todo isto sucede nun contexto insólito: un goberno cunha maioría absoluta cómoda, con 11 asesores e todos os recursos políticos e técnicos ao seu alcance, pero incapaz de sacar adiante nin unha soa iniciativa relevante. A execución orzamentaria de 2024 pechou co peor dato en anos: só un 55,26% do orzamento executado, e un escandaloso 7,84% de execución en investimentos.
“Rey Varela ten todo o poder, todos os medios e todo o persoal, pero Ferrol segue máis parado ca nunca. Non é que non se poida gobernar: é que non se está gobernandoˮ, denuncia o concelleiro socialista Rafael Fernández Beceiro.
Desde o Grupo Municipal Socialista consideramos que presumir dun PMP reducido cando non se pon en marcha ningún proxecto, ningunha obra, ningunha mellora real para os veciños, é unha burla á cidadanía. Ferrol non precisa titulares, necesita execución. E este goberno demostra trimestre tras trimestre que non ten capacidade nin vontade de poñerse a traballar.
“Baixar o PMP porque non se fai nada non é boa xestión. É inmobilismo institucional con maquillaxe estatísticoˮ, conclúe Fernández Beceiro.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS