Rey Varela entrega as actividades extraescolares a unha empresa que “demostra nula comprensión”, alerta o informe técnico que a sitúa como a peor da licitación
A adxudicataria recibiu unha valoración de só 2,5 puntos, mentres que as outras firmas que concorrían acadaron 16, 15,5 e 11
O Grupo Socialista censura que o goberno local reduza gastos en educación pública mentres sobe o prezo dos comedores escolares
Ferrol, 21 de xullo de 2025. “Demostra unha nula comprensión das actividades extraescolares e non contempla aspectos necesarios e imprescindibles para desenvolver e comunicar nin de xeito ordinario nin extraordinario nin coa concellería, nin cos CEIP, nin coas familias a especificidade que este programa educativo municipal require”. É unha das advertencias que figuran no informe técnico que valora as ofertas que concorreron ao procedemento de licitación das actividades extraescolares municipais. Neste caso, refírese á empresa que finalmente logrou o contrato, pese a obter una valoración de só 2,5 puntos sobre un máximo de 16. Por exemplo, no apartado de “Marco teórico e enfóque metodolóxico”, obtén 0 e 6 puntos posibles.
Segundo denunciou hoxe a concelleira socialista Montse Dopico, isto vén demostrar “ou a incapacidade ou o nulo interese” do alcalde para garantir a calidade de servizos tan importantes coma un complemento educativo no que participan centos de nenos e nenas, e que facilita, ademais, a conciliación das familias ferrolás. Amosa tamén o ataque do PP á educación pública, ao redactar un prego que non dá resposta ás necesidades do alumnado, senón que só serve para aforrar mentres se suben as taxas dos comedores escolares e os impostos a toda a cidadanía.
“É difícil de entender que, se xa o ano pasado, cunha base de licitación de 203.000 euros, o contrato para o desenvolvemento das actividades extraescolares quedara deserto, este ano se adxudicase, segundo informou Rey Varela, por 109.471,06 euros”, criticou a edil do PSdeG.
Dopico reprochoulle ao rexedor que obviase “a necesidade de establecer un cortalumes para impedir que unha empresa cunha puntuación técnica de 2,5 sobre 16 poda continuar nun proceso de adxudicación dun contrato público de servizos”.
Tamén lle recordou que as actividades extraescolares xogan un papel clave no desenvolvemento das nenas e dos nenos. “Por iso, a obriga dos responsables políticos é garantir, por enriba de calquera outro criterio, a calidade dun servizo que se contratan co diñeiro de todos os ferroláns e ferrolás”, sinalou.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS