Rey Varela dálles “un machetazo” aos investimentos despois de ser incapaz de xestionar máis que un euro decada dez
Ángel Mato sinala que camiño dos tres anos de mandato “o único rastro visible dos proxectos estrela do alcalde é unha ringleira de árbores cortadas en Irmandiños”
O secretario xeral socialista lamenta o total abandono da cidade e o rural mentres se presume dun plan de barrios cuxos resultados non se ven por ningún lado
Ferrol, 18 de novembro de 2025. O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ferrol, Ángel Mato, advertiu hoxe de que os orzamentos municipais para o vindeiro ano, lonxe de ser un avance para a cidade, “supoñen, en realidade, un retroceso moi significativo”.
O tamén portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE apuntou especialmente á caída do investimento que onte defendeu o alcalde, “cun machetazo dun 30 %”. “E iso, despois de non ser quen de executar máis que un euro de cada dez no que vai de 2025”, subliñou.
“Son cinco millóns de euros menos, co que se reduce drasticamente a capacidade do Concello para desenvolver iniciativas necesarias para a cidade”, afirmou, e engadiu que ese recorte dun terzo non é máis que “a confesión de que o alcalde pisa o freo porque non sabe converter os números en proxectos reais”.
Para o líder socialista, detrás desa “viraxe” do goberno local está “a incapacidade para xestionar”. E a mostra “máis palpable” diso é que, camiño dos tres anos de mandato, “o único rastro visible dos proxectos estrela do alcalde é unha ringleira de árbores cortadasen Irmandiños. Por certo, xustificada dun xeito entre delirante e patético cun informe de hai 16 anos ao que nin o propio PP lle prestou atención cando gobernou”. “É o único que hai a día de hoxe do plan para abrir Ferrol ao mar ou levantar unha cidade do deporte, tras máis de dous anos de continuos anuncios e ningún avance”, recordou. “Que hai do resto de Ferrol? Paralizado”, sentenciou.
“O goberno municipal do PP vai sen rumbo, cun rexedor que semana si e semana tamén deixa a alcaldía á deriva para atender os seus asuntos no Senado, onde se vive mellor como presidente da Comisión de Defensa”, censurou.
Mentres, tanto a cidade coma a zona rural permanecen abandonadas, cun plan de barrios cuxos resultados “non se ven por ningún lado máis alá das fotografías que se fai Rey Varela de vez en cando para xustificalo”. Zonas coma o Inferniño, Ultramar, Canido, Caranza e o rural “continúan sen unha soa mellora relevante”, e o presuposto que presenta o PP para o 2026 “segue dándolle as costas ás súas necesidades máis urxentes, a melloras que non chegan”.
O secretario xeral reclamou, por iso, o fin dun “modelo esgotado”, baseado en grandes números “logo de coser a impostos á cidadanía” para despois seren “incapaces” de xestionar os cartos que recadan. E esixiu tamén unhas contas que, en vez de excluír calquera achega que as poida mellorar, atendan “ás necesidades da xente”. “A veciñanza
paga máis e recibe menos. Rey Varela cobrou máis impostos que nunca, pero agora ofrece menos resultados”, afeoulle ao rexedor.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS