Skip to content

Galego

¡Síguenos!

Rey Varela condena a Ferrol á parálise: só executa o 5,68 % das inversións a metade de ano mentres sube impostos ás familias

Rafael Fernández: “Ferrol non pode permitirse un goberno que só sabe aprobar orzamentos e non sabe executalos”

Ferrol, 21 de agosto de 2025.- O Grupo Municipal Socialista denuncia que o alcalde Rey Varela é o responsable directo de condenar a Ferrol á parálise, logo de que a metade do ano 2025 só se executara un 5,68 % das inversións reais previstas no orzamento municipal. Isto supón que máis do 94 % das obras e proxectos seguen sen tocarse, repetindo o fracaso de 2024, cando se deixou sen executar o 92 % das inversións.

A realidade é que, tras dous anos de mandato, o goberno de Rey Varela non foi capaz de iniciar nin unha soa obra con proxecto propio. A súa xestión limítase a vivir da inercia de proxectos herdados, mentres Ferrol segue sen novas iniciativas nin planificación a medio prazo.

“Ferrol non pode permitirse un goberno que só sabe aprobar orzamentos e non sabe executalos”, advertiu o portavoz socialista, Rafael Fernández, que cualificou de “fracaso absoluto” a xestión de Rey Varela. “É alcalde e senador ao mesmo tempo, e iso significa que Ferrol ten un alcalde a tempo parcial, máis preocupado da súa carreira política en Madrid que da xestión da cidade”, engadiu.

Mentres tanto, Rey Varela afoga ás familias ferrolás con subas constantes de impostos e taxas: Subiu o IBI (contribución), subiu a auga e tamén os comedores escolares.

“O resultado é demoledor: os veciños pagan máis e reciben menos”, denunciou Rafael Fernández, lembrando que o único que medra é o superávit, “pero non por boa xestión, senón por non gastar o que se promete gastar”.

O PSOE de Ferrol esixe a Rey Varela que abandone a propaganda, deixe de usar Ferrol como trampolín político e se dedique a gobernar a tempo completo, executando os proxectos comprometidos e iniciando novas obras que respondan ás necesidades reais da cidade.

“Ferrol merece máis. Non merece un alcalde que condena á cidade á parálise, que en dous anos non iniciou ningunha obra con proxecto propio e que obriga ás familias a pagar máis por recibir menos”, concluíu Rafael Fernández.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes