PSOE, BNG e FEC denuncian a operación de acoso e derrubo contra os bombeiros de Ferrol.
Ferrol, 9 de xaneiro de 2026.- No día de hoxe tivo lugar unha reunión entre o corpo de bombeiros de Ferrol e os tres partidos da oposición, onde se nos expuxo unha problemática que ten forma xa de acoso contra un servizo público esencial, que o propio alcalde cualificou publicamente “como un un referente por su profesionalidad, su preparación y su vocación de servicio “
Nestas últimas semanas pasou de consideralos un referente a ningunealos de forma ofensiva, entrando a unha ofensiva abxecta en medios de comunicación, desmentindo a situación extrema que vive o Parque de Bombeiros, a nivel de persoal, de medios, de promesas incumpridas, e de exclusión e discriminación na elaboración da nova Relación de postos de traballo, sendo o colectivo máis discriminado de todo o Concello.
Resulta inadmisible que ante a posta en común, en ánimo dialogante, dos bombeiros co goberno, das problemáticas en relación ao abuso de horas extras no canto de cubrir vacantes, na proposta dun organigrama equivalente ao das grandes cidades, as propostas para retomar o Convenio co Consorcio, ou as suxestión na mellora da infraestrutura do parque, a resposta do Partido Popular sexa primeiro as falsas promesas, logo o engano manifesto, e por último o insulto e o menosprezo ante a opinión pública en comunicados que atentan contra a súa dignidade.
Cómpre salientar que neste xogo que está a exercer o goberno local o que perde é a cidadanía, que ve menoscabada a seguridade e a integridade por falta de efectivos suficientes que atendan un servizo ata o de agora exemplar.
Dende PSOE, BNG e FeC apoiaremos todas e cada unha das reivindicacións dos bombeiros de Ferrol, servizo enteiramente público que ao longo dos anos vén demostrando a súa profesionalidade, e instamos ao alcalde Rey Varela a recibilos, cousa que lles vén denegando dende hai semanas, co fin de rectificar unha situación inxusta, cubrir as prazas vacantes que impiden a cobertura dos servizos mínimos e atender ás xustas reivindicacións salariais do colectivo ninguneado polo PP dende hai anos.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS