Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O PSOE reivindica unha Emafesa 100 % pública e lamentaque Rey Varela lle subira as taxas á cidadanía para agorarescatar a empresa de augas con cargo ás arcas municipais

Os socialistas advírtenlle ao alcalde que non consentirán que a operación se converta nun cabalo de Troia para volver privatizar a compañía cando remate o contrato, en 2030


Ferrol, 15 de setembro de 2025. O PSOE de Ferrol reivindica que a cidade dispoña dunha empresa de augas de carácter 100 % público e que, en vez de supoñer unha carga para as arcas municipais, se converta nun activo, non só para o Concello como institución, senón tamén para toda a cidadanía. Así ocorre noutras cidades que apostan polo modelo totalmente público con excelentes resultados e un gran retorno social, segundo defendeu o secretario xeral socialista e portavoz do grupo municipal, Ángel Mato.


O PSOE sinala a gran parte de culpa do PP na situación á que chegou Emafesa logo de que, desde a oposición, Rey Varela torpedease constantemente a aprobación das contas
da empresa, cortándolle as vías de financiamento e afogándoa economicamente, por non falar da “hipoteca” que deixou á súa saída do goberno local en 2015 co problema do
saneamento. “Agora que volver gobernar, aprobou as mesmas contas que antes torpedeaba. As mesmas, ata a última coma”, subliñou Mato acerca do que constitúen “tácticas vergoñentas que só responden aos intereses do PP”. O voceiro socialista lamentou que o alcalde desbotara a posibilidade de inxectar capital en Emafesa e decidise subirlles as taxas a todos os ferroláns e ferrolás. “Foi ao peto dos veciños e veciñas para nada, e agora, incapaz de reconducir a situación, finalmente ten que destinar fondos das arcas municipais a rescatar a compañía”, criticou sobre o que se demostra como unha xestión “nefasta e lesiva para a cidadanía”.

Por outra banda, recriminoulle ao rexedor a desidia á hora de defender os intereses de Ferrol fronte aos de outros concellos aos que Emafesa presta servizos, tratando de acadar acordos “excesivamente xenerosos” en lugar de deixar que a Xustiza falle a favor do Concello ferrolán. “Iso tamén xoga contra os intereses da compañía”, advertiu.


Mato insistiu en que a alternativa de inxectar recursos públicos en Emafesa, por exemplo, a través dunha subvención, en tanto se cumpren os 30 anos de vixencia do contrato (rematan no 2030) puxérona sobre a mesa os socialistas “precisamente para que non tiveran que pagar directamente os ferroláns e ferrolás a través dun incremento de taxas”. Pero Rey Varela actuou á inversa, cunha medida “que non serviu de nada”, para agora optar por unha solución similar á que antes se negaba a aplicar.


O resumo que fixo o portavoz é que, logo das políticas populares tanto desde o goberno coma desde a oposición, apenas queda marxe para evitar a liquidación de Emafesa, unha circunstancia que “aínda empeoraría a situación”. Por iso, explicou que o Grupo Socialista analizará “con detalle e con todo o rigor posible” a proposta que o goberno de Rey Varela quere levar a pleno este mes, e advertiu que non consentirá que se trate dun “cabalo de Troia” para volver privatizar a compañía cando o contrato de 30 anos chegue ao seu fin. “Saneala para despois volver vendela ao mellor ofertante sería un roubo”, sinalou.


“O modelo polo que apostamos desde o Partido Socialista é o de unha compañía de augas totalmente pública, e con ese obxectivo traballaremos”, comprometeuse. “Queremos unha empresa que preste o mellor servizo e o faga a prezos competitivos, e que ademais sexa financeiramente sustentable”, afirmou.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes