Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O PSOE lembra que a sentenza do saneamento é froito do traballo iniciado no anterior mandato e non dunha iniciativa do actual goberno

Rafael Fernández critica que o procedemento xudicial estivese suspendido case dous anos baixo o mandato de Rey Varela

Ferrol, 27/02/2026.- O concelleiro do Grupo Municipal Socialista, Rafael Fernández, valorou hoxe a aprobación no pleno da liquidación dos custos do servizo de depuración ao Concello de Narón e quixo contextualizar o alcance da sentenza coñecida recentemente.


Fernández considera “inxustificado e pouco rigoroso” que o PP pretenda presentar como propio un resultado que deriva dun procedemento iniciado no anterior mandato polo goberno socialista. “A sentenza que hoxe permite aprobar estas liquidacións non nace dunha decisión recente do actual executivo, senón da determinación do anterior goberno de acudir aos tribunais para defender un reparto xusto dos custos do saneamento”, afirmou.


O concelleiro socialista lembrou que foi o PSOE quen impulsou a reclamación xudicial para evitar que a cidadanía de Ferrol seguise asumindo unha carga económica superior á que lle correspondía. “A resolución fixa un reparto no entorno do 60%-40%, validando plenamente a posición que defendemos desde o primeiro momento”, sinalou.


Rafael Fernández tamén puxo o foco nun feito que, ao seu xuízo, o PP omite na súa nota: o procedemento estivo suspendido case dous anos durante o seu goberno municipal. “Durante ese tempo non se produciu ningún avance significativo nin se ofreceu unha explicación pública clara sobre esa paralización. Agora non poden apropiarse dun resultado que non impulsaron e que, ademais, mantiveron en suspenso”, indicou.

“O Grupo Socialista votou a favor porque sempre estará do lado dun reparto xusto e da defensa dos intereses económicos de Ferrol. Fixémolo no goberno e facémolo agora desde a oposición”, concluíu Fernández.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes