Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O PSOE denuncia o “caos” das obras da rúa Iglesia na comisión de Urbanismo

Julián Reina: “Rey Varela ten un sobresaínte en marketing, pero un moi deficiente en xestión”

Ferrol, 29 de outubro de 2025,- O grupo municipal socialista, no marco da comisión de Urbanismo celebrada hoxe mércores e a través do seu concelleiro Julián Reina, solicitou información sobre a execución dos traballos para solventar os defectos de construción que se están a levar a cabo na rúa Iglesia.

O edil preguntou nesta reunión ordinaria polas tarefas pendentes, os prazos de finalización e a apertura definitiva da rúa, así como pola organización da propia obra. Neste sentido, transmitiu as queixas e a indignación da cidadanía pola reaparición de vehículos de obra circulando polas rúas peonís. Explicou que nos últimos días, a Alameda do Cantón foi utilizada como punto de entrega de formigón para o proxecto de construción.


A este respecto, apuntou que un camión mesturador de formigón aparcou no medio da Alameda mentres que os dúmpers de obra circulaban polas rúas peonís, concretamente pola rúas Cantón de Molins e Manuel de Cal.

O concelleiro socialista tamén lembrou que esta non é a primeira vez que ocorre, “xa que en marzo de 2024 nos enfrontamos ao mesmo escenario no que se está a converter na verdadeira obra do mandato; aquí é onde o alcalde amosa o seu verdadeiro xeito de levar a cabo as obras: improvisación e traballo chapuceiro nun bucle sen fin”.

Reina lembrou, así mesmo, que en marzo de 2024 Rey Varela dixera que non sabía nada da circulación de vehículos de construción nas rúas peonís e agora resposta o mesmo, “pero xa non engana a ninguén porque unha cousa é facerse o parvo e outra completamente distinta tomar por parvos aos cidadáns”.

Reina tamén solicitou na comisión que o Concello elabore un informe para facer un seguimento dos danos que se puidesen producir como consecuencia desta operación.


Ademais, solicitou a creación dunha oficina de reclamacións para atender os problemas causados polas obras, tal e como o propio alcalde pedira para as obras da estrada das Pías á Dirección Xeral de Estradas do Estado, xa que se están a producir incidencias e accidentes en relación coa distribución do tráfico.

Finalmente, o concelleiro socialista acusou a Rey Varela de “moito pico e pouca pala” , e animouno a “anunciar un pouco menos e facer un pouco máis”, xa que “ten sobresaínte en marketing, pero un moi deficiente en xestión”. “A cidadanía non debería ter que seguir sufrindo as súas ausencias”, aseverou Julián Reina.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes