Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O PSOE de Ferrol denuncia o grave abandono do mantemento urbano tras tres anos de goberno do PP

O Grupo Municipal Socialista de Ferrol denunciou hoxe a situación crítica de abandono no mantemento e na limpeza da cidade, consecuencia directa —segundo sinalou— do incumprimento do chamado “contrato do cambio” anunciado polo alcalde José Manuel Rey Varela durante a campaña electoral.

Ferrol, 19 de decembro de 2025.- Os socialistas puxeron o foco en problemas que se repiten a diario en todos os barrios: beirarrúas e viarios en mal estado, recollida de enseres que se demora durante semanas, papeleiras saturadas —incluídas as dos parques caninos—, deficiencias no alumeado público, falta de roza e obras sen rematar.

“O estado xeral da cidade é hoxe peor ca nunca, a pesar de contar cun goberno con maioría absoluta, recursos económicos suficientes e contratos de servizos en vigor”, sinalaron desde o Grupo Municipal Socialista de Ferrol.

Desde o grupo socialista subliñouse que por primeira vez desapareceron os supervisores dos principais contratos municipais: limpeza, mantemento de viarios, alumeado e augas. “Son os contratos de maior contía que pagamos entre todos e todas, e actualmente non existe un control real sobre o seu cumprimento”, denunciaron.

En relación coa recollida de enseres, o PSOE lembrou que se trata dun servizo que funcionaba correctamente en mandatos anteriores e que hoxe xera unha imaxe de abandono xeralizado. “Concértanse citas e pasan semanas sen que se retire nada. É unha situación inadmisible”, afirmaron.

O Grupo Municipal Socialista esixiu ao goberno local medidas urxentes, entre elas:

  • A reposición inmediata dos supervisores dos contratos municipais.
  • A normalización do servizo de recollida de enseres.
  • Un plan real e continuo de mantemento dos barrios, máis alá de anuncios puntuais.

“Gobernar non é mirar para outro lado nin limitarse a vender grandes proxectos. Gobernar é garantir o mantemento diario do espazo público e cumprir co prometido”, concluíron, reclamando ao alcalde que “dea un paseo por Ferrol e atenda os problemas reais que trasladan cada día os veciños e veciñas”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes