Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O PSOE censura “a continua mentira” dos Orzamentos daXunta: “Promete sempre e non fai nunca, nin cidade dodeporte, nin solo industrial, nin VAC, nin saneamento do rural”

Ángel Mato advertiu que o Goberno de Rueda volve incluír nas contas autonómicas “case a mesma choiva de millóns que xa anunciou para Ferrol en outubro de 2024 e que deixou sen investir”


O secretario xeral da Agrupación ferrolá alertou de que a cidade leva “moito
tempo perdido”: “Euros e máis euros sobre o papel, pero nin un só proxecto
empezado en dous anos e medio”

Ferrol, 21 de outubro de 2025. O secretario xeral da Agrupación Socialista ferrolá, Ángel Mato, denunciou hoxe que os novos Orzamentos galegos son para Ferrol “unha simple copia de todo o que a Xunta incluíu nos anteriores e despois non executou”. As contas autonómicas volven, ao seu xuízo, á “continua mentira” dun Goberno galego que “promete sempre e non fai nunca: nin cidade do deporte, nin solo industrial, nin vía de alta capacidade, nin saneamento do rural… nin un simple parque canino que o PP festexou case coma un fito histórico”, enumerou.
Por iso, Mato lamentou que Rueda volva poñer sobre a mesa “case a mesma choiva de millóns que xa anunciou para Ferrol hai un ano e que deixou sen investir”. “Como non gastou nin un só euro, agora recupera todas esas partidas que aforrou, pero o máis lamentable é que o alcalde amose a súa satisfacción por algo que non é máis que unha suma de promesas incumpridas e moito tempo perdido”, afirmou. Tamén subliñou a “complicidade” de Rey Varela na “total parálise” das iniciativas, “con millóns e millóns sobre o papel, pero nin un só proxecto empezado en dous anos e medio de mandato”, porque á inexistente execución por parte da Xunta súmase a raquítica por parte do Concello, cun global do 55 % e un alarmante 7,8% no capítulo de investimentos.
Así, Mato atribuíu “parte desa parálise” á inoperancia dun goberno local que ten competencia sobre o desenvolvemento dalgúns dos proxectos que seguen sen ver a luz.

“Hai máis asesores ca nunca, maioría absoluta e máis recursos, pero a peor xestión en anos”, advertiu. “É indecente que falen de superávit cando ese diñeiro é o que non se investiu en mellorar Ferrol. O que eles chaman éxito é, en realidade, o fracaso da súa xestión”, engadiu sobre o feito de que o PP se instalou na política do anuncio baleiro” tamén no ámbito municipal.


Proxectos sen nin sequera iniciar
Hai exactamente un ano, o deputado Pablo Prieto, ascendido agora a presidente de federación de fútbol, avanzaba como un logro histórico todo o que a Xunta de Galicia prometía para Ferrol no Orzamento autonómico do 2025.
Porén, para o voceiro socialista, aquel anuncio é “o mellor exemplo da incapacidade do Goberno de Rueda á hora de executar investimentos”, unha insolvencia para a que contaco “inestimable apoio” de Rey Varela. “Á vista do que vén ocorrendo cos Orzamentos dos últimos exercicios, moito nos tememos que os de 2026 rematen exactamente igual”, lamentou.
Mato repasou o estado de aquel “investimento récord” do que presumía o PP en outubro de 2024. En materia de vivenda, os populares vangloriábanse entón do que cualificaban coma “firme compromiso” coa rehabilitación de edificios en Ferrol Vello, dentro do Plan Rexurbe. “Hai xa un lustro que Feijoo veu á praza Vella a comprometer 18 millóns de euros para ese fin, pero en cinco anos a Xunta só entregou un piso”, repasou. “Ese é o seu firme compromiso, tamén este ano”, dixo.
O saneamento do rural, que Rueda xa prometera en 2022, contaba cunha partida de 3,1 millóns. “O resumo aínda é máis sinxelo: non se instalou nin un mísero tubo”, recordou o secretario xeral socialista sobre unha promesa recollida entre as partidas da Consellería de Medio Ambiente. O mesmo departamento nin sequera deu iniciado o parque canino antes mencionado, cun custe de 30.000 euros.
Outro dos proxectos que os gobernos autonómico e local “venden semana si e semana tamén, pero nunca se arremangan para comezar”, é o da cidade do deporte. Dos 2,9millóns de euros comprometidos para esta anualidade “nada vemos aínda”, criticou Mato.
“O único novo que hai é a iluminación do estadio da Malata, que pagou a Deputación”, precisou.
“Da modernización do CHUF xa nin falemos, porque da igual o que a Xunta dedique no papel; acaba por executar o que lle dá a gana, e así levamos anos de atraso no plan director, mentres os teitos caen sobre pacientes e persoal sanitario”, censurou.
“Peor aínda” é, tal como recordou, a situación da vía de alta capacidade que debería conectar a cidade co Ortegal e A Mariña. “O da VAC Costa Norte é xa unha tomadura de pelo, un engano descarado que se repite ano tras ano en todos os Presupostos que presenta o PP sen que se asfalte nin un só metro de estrada”, sinalou.
“O máis vergoñento”, a partida de chan industrial
“Pero o máis vergoñento de todo é como rematou a partida de 200.000 euros destinada a solo industrial”, criticou Ángel Mato, despois de que este ano Rey Varela allease a única superficie da que o Concello dispoñía para ese fin. O líder socialista recordou que o PP a vendía coma un investimento destinado “a ofrecer oportunidades para a creación de empresas e a xeración de emprego”, e que se habilitaba por primeira vez nunhas contas da comunidade autónoma, “desapareceu”.
“Que podemos esperar dos Presupostos para 2026 á vista desa inoperancia total?”, preguntouse o secretario xeral da Agrupación Socialista de Ferrol. “Vemos que para a cidade do deporte a Xunta destina exactamente os mesmos 2,9 millóns de euros que este ano non tocou; que dedica ao Rexurbe a mesma cantidade sen poñer nin unha soa vivenda a disposición da cidadanía; que a dotación para o saneamento do rural, en vez de incrementarse, baixa a 1,3 millóns no próximo exercicio; que volve mentir con outros 4 millóns para a vía de alta capacidade; que condiciona os 600.000 euros do centro de saúde de San Xoán a dispor dunha parcela que aínda non ten…”, repasou o tamén portavoz do Grupo Municipal do PSdeG.

“O resumo é que a Xunta carece de credibilidade porque ata o de agora non sacou adiante nin un só dos investimentos que incluíu nos seus Presupostos”, afirmou.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes