Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O PP e o BNG votan en contra de que Galicia lidere a industria da defensa cun clúster con sede en Ferrol

Ángel Mato foi o primeiro en propoñer o clúster da defensa para Ferrol, como alcalde e impulsor dunha aposta estratéxica para a cidade

Ferrol, 11 de xuño de 2025.- O portavoz do Grupo Municipal Socialista de Ferrol lamenta profundamente que tanto o Partido Popular como o BNG rexeitasen no Parlamento de Galicia a proposta para impulsar no ano 2025 a creación dun clúster da industria da defensa, en colaboración co Ministerio de Defensa, Navantia, as universidades galegas e os centros de investigación.
A proposta, defendida pola deputada socialista Patricia Iglesias, tiña como obxectivo situar Galicia como unha Comunidade Autónoma líder na industria da defensa, cun ecosistema que xere emprego cualificado, fomente a innovación e aproveite as capacidades industriais xa existentes na comunidade.


O portavoz socialista lembra que esta proposta ten a súa orixe no goberno municipal de Ferrol liderado por Ángel Mato, quen xa no ano 2022 lle trasladou ao Goberno galego a necesidade de crear un clúster da defensa con sede en Ferrol. “Foi unha proposta que naceu en Ferrol e para Ferrol, pensada para garantir futuro industrial, emprego e especialización nun sector estratéxico”, sinala.


Desde o Grupo Municipal Socialista lamentan que o PP volva votar contra os intereses da cidade que di gobernar, e denuncian a contradición do BNG: “Un día piden carga de traballo para os estaleiros e ao seguinte rexeitan o investimento en defensa, coma se non souberan que Navantia constrúe buques militares de alta tecnoloxía”, ironizan.


“Ferrol reúne todas as condicións: un estaleiro de primeiro nivel, un tecido auxiliar con experiencia, unha Escola Politécnica que forma talento, e un Goberno de España que está a facer o maior investimento industrial da historia da comarca”, lembran os socialistas, en referencia ás fragatas F-110, o buque de aprovisionamento e o centro de excelencia do xemelgo dixital.


A creación dun clúster con sede en Ferrol permitiría aproveitar todo o coñecemento que existe en Galicia a través das empresas, universidades e centros de investigación vinculados ao sector da defensa. A finalidade é dobre: incrementar progresivamente a compoñente nacional nos programas de defensa mediante a colaboración de toda a cadea de valor, xerando máis valor engadido, e promover a investigación e o desenvolvemento, incorporando ao sector os titulados das universidades galegas. Ademais, suporía o impulso dunha tecnoloxía dual propia, que primeiro se aplique á defensa e despois ao ámbito civil.


Mentres Asturias ou Cantabria xa contan con clústeres neste sector, Galicia —que ten moita máis actividade industrial e empresas tractoras como Navantia ou Urovesa— segue sen dar un só paso neste sentido.


Só falta o apoio da Xunta para facer realidade o clúster da defensa en Ferrol. Galicia precisa políticas industriais con sentido e con futuro, e Ferrol merece esta oportunidade.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes