Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O Partido Socialista reclama garantías de que Emafesa “non só vai ser pública, senón tamén propiedade do Concello de Ferrol”

Ángel Mato esixe ao alcalde que aclare “dun xeito claro e rotundo” cales son os plans do PP para a empresa de augas

O portavoz socialista demanda que o incremento da participación ata o 93 % do capital social se traduza nun “control efectivo” da Administración local sobre a compañía

Ferrol, 16 de setembro de 2025. O Partido Socialista reclamou hoxe por voz do secretario xeral da Agrupación ferrolá e portavoz do Grupo Municipal, Ángel Mato, garantías de que Emafesa “non só vai ser pública, senón tamén propiedade do Concello de Ferrol. Logo de que o alcalde anunciase onte a intención de que a Administración municipal vai incrementar a súa participación no capital social da compañía ata o 93 %, Mato sinalou que se abre “un novo camiño” para o futuro da empresa.

O voceiro socialista insistiu en demandar, nese senso, que a operación que deseñou o goberno local non sirva para sanear as contas de Emafesa e despois volvela privatizar. A iso engadiu, ademais, a necesidade de que o rexedor se comprometa a manter a empresa de augas como patrimonio municipal “e non renunciar á súa propiedade en favor de outra Administración”. “Debe facelo antes do pleno de fin de mes, ao que vai levar este asunto, e manifestalo dun xeito claro e rotundo”, engadiu.

En relación con iso, advertiu que “renunciar a unha competencia propia tan importante como é o abastecemento de auga, en favor da Xunta, sería un erro histórico” que “hipotecaría” a autonomía local e futuros proxectos.

Ángel Mato defendeu os beneficios de dispor dunha empresa municipal ao 100 %, “como demostra a experiencia de outras cidades” nas que o abastecemento se xestiona desde a Administración local e nas que as compañías de augas serven, ademais, “para impulsar numerosos proxectos con elevado retorno para a cidadanía”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes