Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O Partido Socialista censura que Rey Varela reclame vivendas no Sánchez Aguilera o mesmo día que confirma que aínda non ten data para comezar as rúas

O próximo será reclamar que os edificios teñan heliporto, coma a Casa do Concello de Narón para que os veciños poidan voar ata os seus pisos”, criticou o secretario xeral

Ángel Mato defendeu que o Goberno do Estado promova a construción de inmobles nese espazo “en canto o alcalde sexa capaz de facer o que non fixo nos últimos tres anos: urbanizar”

Ferrol, 6 de marzo de 2026. O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ferrol, Ángel Mato, mostrou hoxe a súa “sorpresa” por que Rey Varela reclamase a construción de vivendas no Sánchez Aguilera “xusto na mesma comparecencia na que anunciou que aínda non ten unha data para empezar a facer as rúas”.

“Sería moi interesante que o señor alcalde explicase como pretende que se levanten inmobles nun terreo no que, en vez vías de acceso, só hai escombros, chatarra e ruínas porque en tres anos desde a sinatura do convenio que lle deixamos listo non moveu nin unha soa pedra”, sinalou o tamén portavoz do Grupo Municipal Socialista. “Quizais o próximo será reclamar que os edificios teñan heliporto, coma a Casa do Concello de Narón, para que os veciños poidan voar ata os seus pisos”, ironizou sobre a imposibilidade de desenvolver un ámbito urbanístico enteiro sen dispor previamente das infraestruturas necesarias, que o goberno local de Ferrol ten a obriga de completar.

Ángel Mato lamentou que o rexedor trate de levantar unha cortina de fume para “ocultar a súa propia incompetencia”, sementando dúbidas sobre a intención do Ministerio de Vivenda. “O que deixou claro o Goberno central é que quere levantar eses pisos en Ferrol. O que non quere é seguir esperando polo goberno local do PP, que non fai nada para deixar a parcela lista, e por iso está a buscar tamén outras alternativas na cidade”, explicou. “O problema é que se Rey Varela non é capaz de resolver a urbanización dunha vez, vaise perder a mellor oportunidade para desenvolver completamente o barrio a curto prazo”, advertiu.

O secretario xeral socialista sinalou que o problema do Sánchez Aguilera é similar á situación xeral da cidade, marcada pola falta de traballo e a parálise dun equipo de 13 concelleiros “e case outros tantos asesores”. “En tres anos de mandato, o alcalde non foi capaz de rematar moito máis que esa especie de pendello que se lle ocorreu instalar no parque do Inferniño”, dixo en referencia á cuberta da zona infantil da praza, que supuxo “cambiar o proxecto dunha cúpula á altura de calquera cidade moderna por un tellado cutre que ofrece unha imaxe deplorable e moi afastada do que quere ser o Ferrol do futuro”.

“Unha máquina de anuncios sen feitos”

Criticou que, por enriba, transcorridos case tres cuartos de mandato, Rey Varela se “atrevese” a dicir que prefire presentar feitos que facer anuncios. “Nos anuncios é o único no que traballou arreo o seu goberno. Son unha máquina de anuncios sen feitos, de talóns sen fondos cos que pretenden estafar a toda a veciñanza”, recriminoulle.

“O último anuncio é que en verán xa non haberá fochancas nas rúas. Estaremos vixilantes, e se por unha vez fan algo, felices”, avanzou Mato.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes