O grupo socialista sostén que a derruba do edificio entre María e Sánchez Barcáiztegui sería evitable se o goberno local tivera feito o seu traballo
O concelleiro Julián Reina critica tamén a decisión “unilateral e opaca” do actual alcalde de deixar de prestar o servizo de inspección de edificios que se realizaba por parte dunha empresa externa
Ferrol, 20 de novembro de 2025.- O grupo socialista do Concello de Ferrol cre que a derruba vivida estes días no número 22 da rúa Sánchez Barcaiztegui con María 156 constitúe “a materialización da desastrosa xestión urbanística por parte do alcalde”.
Con respecto a este edificio, o concelleiro socialista Julián Reina explicou que en xaneiro de 2021 obtívose a autorización xudicial para acceder á propiedade, e que nese momento tomouse a decisión de realizar unha execución subsidiaria. Despois de acceder á propiedade e ante a situación na que se atopaba a contorna do edificio, decidiuse executar unha pasaxe protexida co fin de garantir a seguridade para os peóns. Ao tempo, continuou o edil, realizáronse os trámites administrativos para poder levar a cabo a execución subsidiaria.
Reina explicou que, malia ter o proxecto para o baleirado e consolidación do edificio, cando o propietario solicitou licenza en xaneiro deste ano, o alcalde desbotou a opción da execución subsidiaria, outorgándolle ao propietario unha licenza o 10 de abril de 2025, dándolle un mes a partir desa data para iniciar a obra e un prazo máximo de execución de seis meses. Por tanto, o representante socialista sostén que se o Concello de Ferrol tivese realizado a execución subsidiaria, a derruba non se tería producido.
É máis. O concelleiro socialista engadiu que “se o goberno de Ferrol fixera o seu traballo con respecto á licenza outorgada ao propietario, a obra debería estar rematada o 10 de novembro e a derruba non se tería producido”.
O grupo socialista expresou a súa satisfacción porque, afortunadamente, non houbo danos persoais, pero cre que esta situación debería levar ao alcalde a reflexionar sobre as consecuencias da súa desidia.
O concelleiro socialista tamén advertiu sobre o feito de que o sucedido neste edificio poida ocorrer en calquera barrio da cidade, xa que o Concello de Ferrol se atopa nunha situación precaria no que respecta ao control do estado dos seus edificios. Refírese Reina á decisión “unilateral e opaca” do actual alcalde de deixar de prestar o servizo de inspección de edificios que se realizaba por parte dunha empresa externa.
Como destacou o edil, ata o día de hoxe non se deu ningunha explicación sobre a decisión de suspender este servizo, dados os últimos cambios normativos acontecidos pola Lei 1/2019 do 22 de abril, de rehabilitación e rexeneración e renovación urbanas de Galicia e o seu desenvolvemento regulamentario, que xeran unha carga de traballo aínda maior debido á complexidade das antigas ITES, agora chamadas informes de avaliación de edificios. Segundo explicou Julián Reina, dita complexidade non só radica nos parámetros que deben avaliar, que pola modificación da lei teñen que incluír a avaliación das condicións básicas de accesibilidade universal e non discriminación para as persoas con discapacidade no acceso e uso do edificio, a certificación da súa eficiencia enerxética, ou en edificios catalogados e declarados patrimonio cultural (BIC) a avaliación do estado de conservación de elementos merecedores de protección, senón tamén no que respecta aos barrios afectados, xa que todos os edificios de máis de cincuenta anos deben presentala.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS