O Grupo Socialista responde á nota de prensa do goberno sobre o pleno: propaganda e mentiras fronte a unha realidade de 94 % dos investimentos sen executar e ningunha obra propia en marcha
Ferrol, 29 de agosto de 2025.- O Grupo Municipal Socialista responde á nota de prensa enviada polo goberno de Rey Varela tras o pleno de agosto, na que o executivo do PP presumiu de duplicar a execución orzamentaria e de que os investimentos creceron un 400 %. Para os socialistas, trátase dunha manipulación propagandística que nada ten que ver coa realidade que recollen os informes oficiais.
O anexo de investimentos 2025 recolle proxectos como o Convenio “Ferrol Cidade do Deporte”, o saneamento da zona rural, a rehabilitación do Parque de Bombeiros, a mellora das instalacións deportivas nos colexios públicos ou actuacións de infraestruturas e camiños no rural, por citar algúns dos numerosos que están sen executar.
A metade de ano, só se executaron 3,9 millóns de euros, o que supón un 5,68 % do previsto. O goberno presume dun 6,4 %, pero é unha cifra maquillada sobre créditos iniciais.
E o máis grave: non hai ningunha obra comenzada que sexa proxecto propio deste goberno, dous anos despois de chegar ao poder.
“Rey Varela e o seu goberno presumen de duplicar execución e de 400 % de incremento en investimentos, pero iso é puro fume. Ese 400 % “de subida” refírese ao contraste entre o capítulo de investimentos de 2024 e o de 2025. Pero se a base era baixa, o salto non implica avanzar de verdade na cidade. Non se trata de que aumentase; trátase de que segue a ser irrisorio: 94 % do plan de investimentos sen executar.
A execución real é inferior ao 6 % e non hai nin un só proxecto propio en marcha. É propaganda, non xestión”, critican desde o Grupo Socialista.
O PSOE lembra que en 2024 o goberno deixou sen executar o 92 % das inversións, e que en 2025 repite o mesmo patrón. “Este é un goberno que non traballa, que só se dedica a enviar notas de prensa para tapar a súa incapacidade. Dous anos sen proxectos propios iniciados son a mellor proba.”
Mentres tanto, Rey Varela sube impostos e taxas ás familias: o IBI, a auga, o lixo, os comedores escolares, e mesmo ameaza cunha revisión catastral que suporía unha dobre subida.
“Ferrol non pode permitirse un alcalde-senador a tempo parcial, máis preocupado pola súa carreira en Madrid que pola cidade. O resultado é demoledor: máis impostos, menos servizos e cero obras propias en execución”, concluíu o Grupo Municipal Socialista.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS