Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O Grupo Socialista pide que rematen os traballos da estrada do Vilar en Doniños

“Non entendemos como o alcalde pode permitir tal descontrol da obra”, afirmou Julián Reina

Ferrol, 20 de xuño de 2025.- O grupo municipal socialista, a través do seu concelleiro Julián Reina, solicitou o pasado mércores á Comisión de Urbanismo información sobre o avance do proxecto da estrada de Vilar en Doniños; un proxecto financiado con fondos do Plan de Obras e Servizos da Deputación e executado polo Concello de Ferrol.

O motivo desta pregunta foi que, malia o cartel de obra que leva varias semanas no inicio da vía, só se traballou nun tramo fronte ao campo de tiro. O grupo socialista, por unha banda, alertou ao goberno municipal sobre o escalón deixado no firme que, pola súa perigosidade, debería estar sinalizado e, ao mesmo tempo, solicitou información sobre o estado da obra, ao non entender por que só se sinalaba un tramo.

Ante esta pregunta, o goberno de Rey Varela respostou que o tramo asfaltado executouse aproveitando o material sobrante da obra da estrada do Lago, o que, como manifestou Reina, semella ser unha forma de xestionar a construción máis propia dos “Manolo y Benito chapuzas a domicilio” que dunha administración pública.

O grupo socialista amosou a súa preocupación porque desde que José Manuel Rey Varela chegou a alcalde, á marxe dos numerosos anuncios de proxectos faraónicos que nunca se concretan, “o que si vemos é que toda obra executada por Rey Varela é un caos”. A este respecto, citou algúns exemplos, como o parque de Persoaxes Populares, que xerou malestar veciñal; o cambio de xestión da rúa da Igrexa, que recibiu un informe sobre deficiencias que se poderían derivar directamente das instrucións dadas polo actual goberno; ou os atrasos e chapuzas na estrada de Catabois, entre outros.

O grupo socialista vencellou esta mala xestión das obras directamente coa ausencia do alcalde. “Non entendemos como o alcalde pode permitir tal descontrol das obras”, afirmou Julián Reina.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes