O GRUPO SOCIALISTA DENUNCIA O “PARÓN CRÍTICO” NAS OBRAS DE RUBALCAVA E ESIXILLES EXPLICACIÓNS AO GOBERNO DE REY VARELA
Ferrol, 28 de marzo de 2026. O concelleiro do Grupo Municipal Socialista, Julián Reina, denunciou esta mañá Rubalcava o “evidente estado de abandono” da Fase I de reurbanización da rúa Rubalcava (tramo entre a rúa María e a Avenida do Rei).
Segundo os socialistas, a obra, adxudicada por un importe total de 1.289.860 euros (IVE incluído) á UTE Rubalcava, acumula xa un atraso inxustificable que afecta directamente á mobilidade e ao comercio do centro.
Reina sinalou que, segundo o Plan de Obra oficial do proxecto, ao finalizar este tercer mes de execución (marzo de 2026), as actuacións deberían ter superado xa as fases máis invasivas. “O cronograma é claro: as tarefas de demolición e desmontaxe deberían estar executadas ao 100%, e o movemento de terras tería que ter finalizado por completo este mes”. Porén, a realidade a pé de rúa amosa unha situación moi distinta. “Estamos a ver como partidas fundamentais, como a renovación da rede de pluviais e fecais, que deberían estar executadas case á metade, apenas avanzaron”, subliñou o edil.
“É inaceptable que unha obra de 1,3 millóns de euros, que conta cunha garantía total de 6 anos lograda na licitación, se estea a xestionar con esta desidia. O alcalde Rey Varela asinou este contrato en novembro prometendo axilidade, pero tres meses despois, os veciños só teñen valos e gabias abertas que non avanzan”.
“Non nos serven as escusas do mal tempo. O proxecto xa contemplaba a execución en período invernal. O que falta aquí é dirección de obra e presión política sobre a adxudicataria para que cumpra o asinado. Esiximos que se presente de inmediato a Memoria de Certificación mensual para que todos os ferroláns saibamos que se fixo realmente e que non”.
Risco de perda de financiamento.
Desde o Grupo Socialista lembran que a obra conta con financiamento da Xunta de Galicia (Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas). “Se o Concello non é capaz de certificar os traballos nos prazos previstos, poñemos en risco as subvencións que financian esta reurbanización”, advertiu Reina.
O PSOE solicitará na próxima comisión de Urbanismo o acceso ás certificacións mensuais de obra para comprobar se o pago dos traballos se corresponde coa realidade executada, tal e como estipula a cláusula cuarta do contrato administrativo.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS