O Grupo Socialista de Ferrol cualifica de “lamentable” que o alcalde inaugure “pegotes de aglomerado” para tapar a súa falta de xestión
Os socialistas denuncian que a visita de Rey Varela á rúa Villarrube é unha “operación de maquillaxe” para silenciar a moción que se debaterá mañá no Pleno sobre o estado crítico das rúas.
Ferrol, 25 de marzo de 2026. O Grupo Municipal Socialista de Ferrol amosou hoxe a súa indignación ante a última “posta en escena” do alcalde, José Manuel Rey Varela, quen esta mañá visitou as obras de reparación de fochancas na rúa Villarrube. Para os socialistas, resulta “lamentable” que un rexedor se preste a “inaugurar un pegote de aglomerado en frío” nunha vía que, como tantas outras na cidade, require dunha repavimentación integral e non de parches provisionais.
Desde o PSdeG-PSOE de Ferrol consideran que esta visita aos medios non é máis que un intento desesperado por acallar o debate público sobre o evidente deterioro das infraestruturas urbanas e, moi especialmente, para tratar de restar protagonismo á moción que o grupo socialista presentará no Pleno de mañá.
Un recorte drástico e falta de planificación
O grupo socialista lembra que a situación actual de “cráteres” nas estradas é consecuencia directa de que o Goberno Municipal permitiu que o contrato de mantemento expirase en setembro sen ter o novo listo. “Pasamos de investir 85.000 euros ao mes en reparacións a unha cifra mísera de 15.000 euros”, denuncian, cualificando este como o maior recorte en mantemento da última década.
Os socialistas inciden en varios puntos críticos que o alcalde “esquece” nas súas fotos oficiais:
O “Plan de parches” non é un proxecto de cidade: O anuncio dun plan de reparación de furados na prensa non soluciona o problema estrutural de falta de planificación e priorización.
Urxencia dun Plan de Emerxencia: A moción socialista esixe un plan que sexa “xusto e equitativo” entre os barrios, e que non dependa exclusivamente de “onde o alcalde teña previsto visitar” ou do que saia publicado nos xornais.
Abandono peonil: Mentres o alcalde se centra nas fotos de fochas, as beirarrúas seguen destruídas e, en moitos casos, convertidas en “prazas de aparcamento improvisadas” ante a pasividade do goberno local.
Participación fronte ao personalismo
Fronte ao modelo de “axenda política persoal” de Rey Varela, os socialistas instarán mañá ao Goberno Municipal a que implemente un plan anual ordenado e abra a participación tanto aos grupos políticos como aos movementos veciñais para o desenvolvemento destas actuacións.
“A cidade non necesita fotos con operarios; necesita unha xestión que evite que os defectos se convertan en cráteres e que as nosas rúas deixen de ser un perigo para condutores e peóns”, conclúen desde o Grupo Municipal Socialista.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS