Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O Grupo Socialista alerta das numerosas queixas veciñais pola falta de mantemento da cidade

”É imposible atender as necesidades de Ferrol se o alcalde está permanentemente en Madrid”, lamentou Julián Reina, que sinalou un “problema grave de descoordinación” entre os servizos municipais por parte do goberno local

Ferrol, 15 de xuño de 2025. O concelleiro socialista Julián Reina mostrou hoxe a súa preocupación pola falta de mantemento que existe en Ferrol. Ademais das numerosas incidencias que ten constatado o propio Grupo Municipal do PSdeG, alertou das moitas queixas que está trasladando a veciñanza.

Durante a reunión semanal da Comisión de Urbanismo, Reina advertiulle ao goberno local que a súa falta de capacidade para coordinar os distintos servizos municipais “afecta á vida cotiá en todos os barrios”. Nese senso, sinalou que se producen situacións como que na mesma rúa traballe persoal de limpeza recollendo o lixo e non se envíe a ninguén a retirar as follas que caen das árbores, un labor que lle corresponde a outro servizo, cuxos operarios se atopan noutro barrio.

“Outro exemplo é cando se actúa nunha praza e non se lle toca ao parque infantil, porque o goberno de Rey Varela carece da mínima planificación”, engadiu o edil socialista, que lamentou a incapacidade do PP para acometer traballos integrais. “Se reparan unha focha, deixan unha lámpada fundida”, criticou.

Julián Reina denunciou que a cidade “nunca estivo en peor estado”, e apuntou as continuas ausencias do alcalde como unha das causas. Por iso o invitou a “mirar máis por Ferrol e menos polo seu posto de senador” e a coordinar e planificar o traballo dos servizos municipais para que actúan de xeito integral en cada barrio e o deixen en perfecto estado de conservación, “en vez de empuxalos a actuar por inercia e sen visión de conxunto, reclamándoos en diferentes lugares da cidade a golpe de ocorrencia”.

O concelleiro socialista tamén censurou que Rey Varela fale en cada unha das súas comparecencias “dun Ferrol que non existe”, construído a base de promesas baleiras, proxectos sen redactar e obras que nunca se materializan. “Ten que poñer os pés na terra e tratar de rectificar polo ben da cidade”, reclamou, para insistir en que a veciñanza non ten por que pagar “o prezo da ambición política do alcalde”. “É imposible manter a cidade correctamente se o alcalde está en Madrid”, concluíu.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes