O Grupo Municipal Socialista rexeita a ubicación do novoskatepark no Parque de Antón Varela
Ángel Mato: “Hai que facer política dende o respecto: á memoria, aos espazos verdes e á veciñanzaˮ
Ferrol, 11 de xuño de 2025.- O Grupo Municipal Socialista de Ferrol expresa o seu firme rexeitamento á decisión do goberno local de construír un novo skatepark no Parque de Antón Varela, no barrio de Canido. Esta actuación supón, unha vez máis, a perda dunha zona verde na cidade e un novo exemplo de improvisación por parte do executivo de Rey Varela.
Desde o PSOE lémbrase que o Parque de Antón Varela non é só un espazo natural e de convivencia veciñal, senón tamén un lugar cargado de memoria.Aínda que non foi concibido orixinalmente como homenaxe, leva o nome de Tonecho Varela, gaiteiro, luthier e figura moi querida da cultura ferrolá, e conta cun espazo en lembranza súa. Ademais, desde febreiro deste ano, o parque acolle un monumento en memoria das vítimas do franquismo, promovido pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Comarca de Ferrol.
Trátase dun espazo de reflexión e respecto, cuxa dignidade quedaría comprometida se se impón nesta zona unha infraestrutura de alto impacto como un skatepark. O voceiro socialista, Ángel Mato, subliña que “hai que facer política dende o respecto: respecto á memoria, respecto aos espazos verdes e respecto á veciñanza que os coida e os desfruta. Esta decisión do goberno de Rey Varela non responde a ningún deses principios e volve amosar a súa falta de sensibilidadeˮ.
Desde o Grupo Socialista proponse unha alternativa máis razoable e coherente: a Cidade do Deporte. Esta zona, concibida especificamente para albergar equipamentos deportivos, xa conta cun skatepark que precisa melloras. A súa ampliación ou renovación sería unha solución lóxica e respectuosa coa cidade. “A Cidade do Deporte é o lugar idóneo para impulsar disciplinas como o skate, sen ter que renunciar a zonas verdes nin alterar espazos con carga simbólica como o parque de Antón Varelaˮ, concluíu Ángel Mato.
O Grupo Municipal Socialista insta o goberno local a reconsiderar esta decisión e a protexer os poucos espazos naturais que aínda conserva Ferrol, ao tempo que se fomenta o deporte dunha maneira planificada, respectuosa e participativa.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS