Skip to content

Galego

¡Síguenos!

O Grupo Municipal Socialista denuncia o abandono do observatorio de aves da Lagoa de Doniños

Un espazo nacido da cesión do espazo pola científica Ángeles Alvariño que merece estar en condicións dignas e coidadas

Ferrol, 3 de xaneiro de 2026.- O Grupo Municipal Socialista de Ferrol denuncia o grave estado de deterioro no que se atopa o observatorio de aves situado na contorna da lagoa de Doniños, unha infraestrutura municipal de grande valor ambiental, educativo e social.

As revisións efectuadas estes días evidencian unha situación claramente perigosa para a cidadanía, con elementos estruturais deteriorados, madeira podrecida, escaleiras en mal estado e sinais evidentes de abandono continuado.

Cómpre lembrar que xa no ano 2024 a SGHN e o Club de Prensa de Ferrol solicitaron formalmente unha actuación na parcela, advertindo do deterioro progresivo do espazo. A falta de resposta e mantemento por parte do goberno local durante este tempo contribuíu ao agravamento da situación actual.

“Non estamos só ante un equipamento inutilizable, senón ante un elemento que supón un risco real de accidente e responsabilidade patrimonial para o Concello”, sinalan os Socialistas.

Un espazo que debe estar á altura da figura de Ángeles Alvariño

O observatorio está situado nun espazo vinculado á memoria de Ángeles Alvariño, referente internacional da investigación oceanográfica e orgullo científico de Ferrol, ligado historicamente á cesión da contorna para fins ambientais e divulgativos.

Por iso, o Grupo Municipal Socialista considera imprescindible que este lugar se atope coidado, digno e plenamente operativo, á altura do seu valor simbólico e do que representa para a educación ambiental na cidade.

Solicitude de actuación global por parte do goberno municipal

O Grupo Municipal Socialista reclamará ao goberno local que adopte medidas integrais e urxentes destinadas tanto á recuperación do observatorio como ao coidado xeral do espazo, garantindo a súa seguridade, conservación e mantemento continuado, así como o seu adecuado aproveitamento para fins ambientais e divulgativos.

“Ferrol merece coidar os seus espazos naturais e o seu patrimonio científico. Esiximos ao goberno municipal que actúe canto antes e devolva este observatorio ao uso público en condicións seguras e dignas”, conclúe o Grupo Municipal Socialista.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes