O GOBERNO DE REY VARELA SEGUE SEN EXECUTAR O ORZAMENTO
Só se executou un 2,1 % dos investimentos reais no primeiro trimestre de 2025
“Rey Varela presume de aprobar orzamentos, pero é incapaz de executalosˮ, denuncia Rafael Fernández
Ferrol, 21 de maio de 2025. O Grupo Municipal Socialista volve alertar sobre a grave situación de parálise na xestión do Concello de Ferrol baixo o goberno de José Manuel Rey Varela. Segundo os datos oficiais publicados polo propio executivo, no primeiro trimestre de 2025 apenas se executou un 2,1 % do capítulo de investimentos reais (Capítulo 6), cun gasto real de só 668.344 euros dos máis de 31,9 millóns orzamentados.
Esta execución mínima confirma o mesmo patrón de ineficacia xa observado en 2024, cando, segundo os informes municipais, se deixou sen executar o 96 % das inversións ao remate do terceiro trimestre.
“A este ritmo, imos camiño de repetir o mesmo desastre. Rey Varela e o seu goberno presumen cada ano de aprobar orzamentos, pero despois non executan nin un mínimo razoable. Iso é enganar á cidadanía con titulares mentireirosˮ, denuncia Rafael Fernández Beceiro, concelleiro do Grupo Municipal Socialista.
“O problema non é a falta de orzamento. O problema é que non saben xestionar nin converter os recursos públicos en melloras reais para a cidade. Ferrol ten un alcalde ausente, centrado no Senado, con maioría absoluta, con 11 asesores e co orzamento aprobado… e aínda así a cidade segue paradaˮ, engade Fernández.
Desde o grupo socialista denuncian que esta parálise na execución orzamentaria está a afectar directamente á calidade de vida da veciñanza: obras prometidas que non comezan, proxectos anunciados que non se materializan, equipamentos sen renovar e barrios que seguen abandonados pola inacción do goberno.
“É unha falla política e de compromiso coa cidade. Cada euro non executado é unha oportunidade perdida para mellorar Ferrol. A propaganda non tapa os buratos nas rúas, nin substitúe as inversións que non chegan aos barriosˮ, sinala Fernández.
O Grupo Municipal Socialista insta ao alcalde Rey Varela a que dea a cara, explique á cidadanía esta situación e corrixa de inmediato esta deriva preocupante. “Non pode seguir eludindo responsabilidades mentres Ferrol segue sen avanzarˮ.
Ferrol necesita menos escusas e máis acción. Non hai desculpa posible cando se teñen todos os medios para gobernar e non se usa ningún. É hora de traballar. Ferrol non pode esperar máis.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS