O DESPRENDEMENTO DO TEITO NO MARCIDE, UN NOVO SÍNTOMA DO ABANDONO DA SANIDADE PÚBLICA POR PARTE DA XUNTA
Ferrol, 4 de agosto de 2025. – O PSOE de Ferrol denuncia a gravidade do incidente ocorrido onte no Hospital Arquitecto Marcide, onde o desprendemento dun falso teito na quinta planta causou feridas a unha persoa e obrigou ao traslado de 28 pacientes por risco estrutural. Para os socialistas, non se trata dun feito illado, senón dunha consecuencia directa da falta de mantemento e de investimento nas infraestruturas sanitarias públicas por parte da Xunta de Galicia.
O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ferrol e voceiro municipal, Ángel Mato, lamentou o acontecido e cualificouno de “incidente inaceptable nun centro hospitalario”. Subliñou que, se ben a persoa ferida non presenta danos graves, tivo que ser atendida e recibir puntos de sutura por varios cortes, e advertiu: “Isto non é un caso illado: hai unhas semanas pasou algo semellante no Materno Infantil de Ourense, e non era a primeira vez”.
Segundo Mato, este novo accidente reflicte “a situación de abandono na que o Partido Popular está deixando a sanidade pública galega”, cun nivel de investimentos que “non cobre, nin de lonxe, as necesidades dun servizo esencial para a cidadanía”.
O líder socialista puxo tamén o foco na situación concreta do hospital de Ferrol, lembrando que o Plan Director do CHUF acumula xa 14 anos de retraso desde o seu anuncio pola Xunta, unha mostra flagrante do desleixo do goberno galego coa área sanitaria de Ferrol. Precisamente, a ala onde se produciu o incidente continúa tal e como foi construída orixinalmente: non conta con duchas nas habitacións, polo que os pacientes deben compartir aseos comúns, unha situación inaceptable en pleno século XXI.
“O deterioro comeza coa falta de investimentos en infraestruturas e continúa cos recortes de persoal, que derivan en listas de espera insoportables e en condicións indignas para pacientes e profesionais”, advertiu Mato.
Desde a Agrupación Socialista de Ferrol, esiximos á Xunta a reforma urxente da ala afectada e a execución inmediata, sen máis demoras, do Plan Director do CHUF, cun calendario público, recursos suficientes e garantías de que feitos coma o de onte non volverán repetirse.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS