Mato reclámalle á Xunta celeridade no desenvolvemento do Polo de Innovación de Enerxías Mariñas: “Catro anos de espera ata velo no DOG”
O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ferrol recordou que lle presentou o proxecto ao Goberno galego en decembro de 2021, e un ano despois, ante a inacción da Administración autonómica, chegou a ofrecer, como alcalde, un espazo municipal para albergalo
“En marzo Rueda trouxo á cidade un Consello da Xunta no que se aprobou a posta en marcha do polo, e despois de oito meses sen noticias, agora toca axilizar dunha vez por todas as medidas que recolle hoxe o Diario Oficial”, reclamou o portavoz do Grupo Municipal do PSdeG
Ferrol, 12 de novembro de 2025. O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ferrol, Ángel Mato, reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia “celeridade” no desenvolvemento do Polo de Innovación de Enerxías Mariñas e Almacenamento de Enerxía, unha iniciativa que, tal como recolleu onte o Diario Oficial da comunidade autónoma quedará enmarcada nas funcións do CIS Galicia-Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño. “Catro anos de espera para velo no DOG”, lamentou o líder socialista respecto dun proxecto “estratéxico” tanto para Ferrol como para a súa comarca “e para toda Galicia”.
Pese ás “demoras continuas e innecesarias” desde que o propio Mato lle presentou a iniciativa como alcalde ao entón Goberno de Feijoo, en decembro de 2021, hoxe celebrou que “por fin comece a tomar forma de verdade”. De todos modos, advertiu que “en marzo Rueda trouxo á cidade un Consello da Xunta no que se aprobou a posta en marcha do polo, e despois de oito meses sen noticias, agora toca axilizar dunha vez por todas as medidas que recolleu onte o DOG”. Nel publicouse o decreto que inclúe a adscrición do CIS á Axencia Instituto Enerxético de Galicia, ao tempo que se definen os cometidos do centro situado na Cabana.
O tamén portavoz do Grupo Municipal do PSdeG no Concello de Ferrol salientou entre as funcións que terá encomendadas o CIS, como eixo do Polo de Innovación de Enerxías Mariñas, “garantir o liderado de Galicia no eido das renovables mariñas e do almacenamento e desenvolver o potencial que teñen as nosas costas, especialmente no que se refire ao recurso eólico”. “Non só se trata de impulsar a nosa industria e a nosa tecnoloxía; Ferrol tamén ten capacidade para contribuír á soberanía enerxética e á redución de emisións contaminantes”, destacou.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS