Mato esíxelle á Xunta que deixe de adiar a implantación do polo de renovables en Ferrol
O portavoz do Grupo Municipal Socialista recordou que, tras múltiples promesas, acordos parlamentarios e partidas orzamentarias, “a cidade segue á espera”
Denunciou que, desde que el mesmo lle presentou o proxecto ao Goberno galego, a finais de 2021, e do compromiso de Feijoo, en 2022, “non se deu nin un só paso”
Ferrol, 4 de xuño. O portavoz do Grupo Municipal do PSdeG, Ángel Mato, reclamoulle hoxe á Xunta que deixe de “marear a perdiz e se poña a traballar” para implantar en Ferrol o polo de innovación en enerxías mariñas e almacenamento que comprometeu en múltiples ocasións.
O tamén secretario sixeral da Agrupación Socialista recordou que el mesmo lle presentou o proxecto ao Goberno galego en decembro de 2021 e ao mes seguinte o propio Feijoo, entón presidente, anunciou tras un Consello da Xunta a súa posta en marcha.
Desde entón, durante máis de tres anos “sucedéronse os anuncios, os acordos unánimes no Parlamento e no pleno municipal e agora ata unha dotación orzamentaria, pero a cidade segue á espera”, lamentou Mato. Entre esas iniciativas lembrou que a corporación ferrolá reclamou o polo en xaneiro de 2023, o pleno da Cámara autonómica fixo o mesmo en marzo, en outubro Rueda confirmou que se crearía e un ano despois a conselleira de Economía e Industria anunciou que os Presupostos incluían unha partida a tal efecto.
Este mesmo ano, en xaneiro, unha iniciativa do PSdeG nese senso concitou o apoio unánime da Comisión de Industria e Enerxía do Parlamento, e xa en febreiro, o Goberno galego avanzou que o polo se implantaría no CIS da Cabana.“Son máis de tres anos de anuncios que seguen sen concretarse en nada”, criticou o voceiro socialista despois de que esta mañá, na Comisión de Industria e Enerxía do Parlamento de Galicia, o Goberno galego evitase concretar, de novo, se vai pór en marcha o polo. A preguntas da deputada socialista Patricia Iglesias, o director xeral de Planificación Enerxética eludiu comprometer o inicio do proxecto este ano.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS