Mato celebra que o Goberno incremente ata os 700 millóns de euros o investimento para o novo buque loxístico da Armada
O BAC que substituirá ao Patiño sumará catro anos máis de carga de traballo para o estaleiro de Ferrol
Tal como avanzou o portavoz socialista en marzo, a orde de execución do barco asinarase o mes que ven
Ferrol, 16 de maio de 2025. O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Ángel Mato, valorou hoxe como unha “excepcional noticia” o incremento económico do contrato de construción do buque loxístico que substituirá ao Patiño. O orzamento previsto inicialmente, de 480 millóns de euros, elevarase un 46 %, ata superar os 700 millóns, segundo vén de acordar o Consello de Ministros, o que supón “un impulso máis” por parte do Goberno ao traballo en Navantia.
Tal como anunciou Mato o pasado marzo, tras manter unha reunión en Madrid coa ministra de Defensa para interesarse pola situación de diferentes proxectos, a orde de execución do barco, que será unha versión modernizada do Cantabria, asinarase o mes que vén. O inicio da construción está previsto para principios do próximo ano, e a partir de aí sumará outros catro anos de carga de traballo no estaleiro ferrolán, que neste momento está traballando en tres unidades da serie de fragatas F-110.
“O compromiso do Goberno con Navantia e con Ferrol é claro”, asegurou o tamén secretario xeral da Agrupación Socialista ferrolá, que botou a vista atrás para recordar que en 2018, cando o Partido Socialista accedeu ao Goberno, o programa das F-110 estaba paralizado e Navantia non tiña en carteira ningún pedido para dar relevo á construción dos buques loxísticos australianos, que se atopaba nos seus últimos meses.
“Pasamos de atopar as gradas practicamente baleiras a unha perspectiva de traballo para máis dunha década”, destacou o portavoz socialista no Concello. “O ano que vén, Navantia Ferrol terá en pleno proceso de construción catro unidades da Armada”, sinalou.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS