Skip to content

Galego

¡Síguenos!

Ángel Mato reclama un ferrocarril que conecte Ferrol co eixo atlántico en media hora: “Non nos valen simples remendos na liña”

O portavoz socialista no Concello lamentou a “total falta de ambición” do alcalde e da Xunta, que optaron por trasladarlle ao Goberno central unha petición “de mínimos”


“O plan do PP fai inviable un tren competitivo, porque seguiría tardando máis que o coche e que o autobús”, advertiu tras a reunión de hoxe co Ministerio de Transportes


Asegurou que seguirá defendendo “un proxecto do século XXI” para que a cidade non quede atrás: “O que non pode ser é que pidamos para Ferrol menos do que lle corresponde”

Madrid, 27 de maio de 2025. O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Ángel Mato, defendeu hoxe en Madrid “un proxecto do século XXI” para modernizar as conexións ferroviarias de Ferrol. Mato participou na reunión que goberno local e grupos políticos mantiveron esta mañá co director xeral do Sector Ferroviario, na que se analizou a proposta que a Xunta presentou a mediados de mes. Segundo explicou Mato, o do Goberno galego é un documento “de mínimos” que non dá resposta ás necesidades da cidade, “e menos de cara ao futuro”. De feito, lembrou que o Grupo Municipal Socialista así o fixo constar na Xunta de Voceiros do Concello convocada para preparar o encontro de hoxe en Madrid. “A nosa proposta é outra”, indicou.

Para Mato, as dúas Administracións do PP mostran unha “total falta de ambición” ao poñer enriba da mesa un plan que “fai inviable un tren competitivo, porque seguiría tardando máis que o coche e que o autobús” para cubrir a distancia entre Ferrol e A Coruña. E apoiou esa afirmación en dous datos: o documento da Xunta, que conta co respaldo do alcalde, estima en 250 millóns de euros o custe de mellorar o tendido ferroviario, construír a intermodal de Ferrol e acometer obras no resto de estacións da liña, “e iso para recortar a viaxe en só 20 minutos” sobre a aproximadamente hora e cuarto que empregan os convois a día de hoxe.Porén, nun informe de decembro do 2020 encargado polo entón goberno socialista de Ferrol, o catedrático de Enxeñería e Infraestrutura dos Transportes da UDC Rodríguez Bugarín xa calculaba que sería necesario un investimento de 730 millóns de euros para rebaixar o tempo de viaxe ao entorno da media hora. “Ese é o obxectivo, unha liña equiparable á do eixo atlántico”, afirmou Ángel Mato. O líder socialista foi contundente ao respecto: “Non nos valen simples remendos no trazado”.

“O que nos presentou a Xunta é un breve resumo de estudos e cifras que coñece calquera que estea minimamente familiarizado coa problemática do tren, para despois liquidar en 9 diapositivas o diagnóstico e as propostas”, explicou. “Claro que vou apoiar a reivindicación sobre o tren, porque eu mesmo veño reclamando iso desde sempre, pero o que non pode ser é que pidamos menos do que a Ferrol lle corresponde”, criticou.A modificación do trazado, a actuación prioritaria
O líder socialista tamén se mostrou moi claro respecto das prioridades. A primeira é “o trazado, que leva sen tocar desde hai máis de cen anos”. Sobre a estación intemodal advertiu que, “con ser unha actuación necesaria, non vai aforrar nin un só minuto no tempo de viaxe”, de modo que chamou a “centrar o tiro” en lugar de desviarse do principal obxectivo. Así o puxo de manifesto durante a xuntanza na Dirección Xeral do Sector Ferroviario, departamento responsable da planificación da Rede Ferroviaria de Interese Xeral e dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes